Licitadas as obras do claustro da catedral por 600.000 euros
Licitadas as obras de restauración do claustro da catedral de Santa María de Lugo, cun orzamento de 592.850 euros. O prazo de presentación de ofertas para optar ao contrato remata o 24 de xuño.
O proxecto inclúe traballos de conservación na práctica totalidade dos elementos construtivos do claustro. Así, vaise proceder á limpeza xeral das fábricas, eliminando sucidade ou biodepósitos; tamén se restituirán as perdas de volume con morteiro de reposición ou substituíndo algunha peza de cantería, entre outros labores.
Abordaranse outras tarefas como a protección de cornixas e canles de pedra para a recollida de augas pluviais, a substitución da instalación eléctrica, e unha adecuación puntual para facilitar o acceso e mantemento da baixocuberta do claustro.
Ademais, valorarase a posibilidade de reabrir un antigo paso a través da fábrica románica, comunicando a nave da Epístola co claustro como se atopaba orixinalmente; e estudaranse e consolidaranse as pinturas murais no muro norte, intentando dilucidar a súa relación coas trazas do actual Altar Maior.
Esta intervención é a primeira que se pon en marcha en Lugo ao abeiro do Plan Catedrais, no que traballa o Goberno galego para actuar nos templos catedralicios da Comunidade no período 2021-2027. A licitación coincide coa celebración do 90 aniversario da declaración da Catedral lucense como Monumento Histórico-Artístico Nacional.
As obras contarán cun prazo de execución de seis meses, polo que previsiblemente estarán rematadas no 2022, para o segundo tramo deste Xacobeo bianual. Xa se realizaron as sondaxes arqueolóxicas na zona afectada, co fin de avaliar o seu sistema construtivo e potencialidade. Concretamente, realizáronse tres sondaxes que sacaron á luz restos arqueolóxicos de diferentes épocas históricas que van desde a época romana ata a actualidade. Os traballos permitiron documentar varios muros e unha necrópole de tumbas rectangulares e laxas de lousa.