Licitado o contrato de mantemento da Muralla de Lugo

LugoXa
O contrato de mantemento da Muralla de Lugo foi licitado por un período de dous anos e cun orzamento de 635.700 euros.
lugo muralla_centro_vista
6 May 2021

O contrato de mantemento da Muralla de Lugo foi licitado por un período de dous anos e cun orzamento de 635.700 euros. Así mesmo, falouse sobre as intervencións a desenvolver ata o 2023, dando continuidade “ao permanente labor de control e corrección que se realiza no monumento, que é un dos espazos máis transitados da cidade e esixe un importante esforzo de conservación”.

Entre as actuacións previstas figuran a retirada manual da vexetación e o mantemento e reparación de solados, fábricas e albardillas así como doutros elementos como revocaduras, estruturas metálicas ou varandas. Tamén se prevén reparacións na instalación eléctrica e de iluminación, no pavimento do adarve e outras debidas ao desgaste derivado do intenso uso ou mesmo a actos vandálicos.

A actuación sobre a Muralla esténdese na praza de Pío XII aos restos da Domus do Mitreo, que forman parte do conxunto arqueolóxico. En concreto, corrixirase a filtración de humidades e acometeranse accións de conservación para resolver a acumulación de po e restos varios, sales e colonización biolóxica, así como pequenos desprendementos. Para elo, realizaranse analíticas de biocolonización e aplicaranse biocidas; tamén se limparán en seco os morteiros polícromos, eliminando velos salinos, e se consolidarán os morteiros disgregados, entre outras tarefas. 

As empresas interesadas en optar ao contrato teñen de prazo ata o día 27 de maio para presentar as súas ofertas. Deben contar coa participación de persoal cualificado, como arqueólogos, técnicos especialistas no control da flora e especialistas en fauna protexida, para controlar as tarefas de corta de flora vascular.

0.1718909740448