Licitados proxectos de mellora do ferrocarril entre Monforte e Lugo

RibeiraSacraXa | LugoXa | SarriaXa
Adif vén de licitar cinco novos contratos, por 52 millóns de euros, para mellorar a infraestrutura ferroviaria
liña ferroviaria Ourense Monforte Lugo
4 Feb 2021

Adif vén de licitar cinco novos contratos para melloras no tramo ferroviario Ourense-Monforte de Lemos-Lugo, por un importe preto de 52 millóns de euros.

Catro dos contratos refírense ao tratamento de elementos da infraestrutura (pontes, túneles e explanacións) en diversos tramos do proxecto Monforte-Lugo. O contrato restante comprende a ampliación de gálibos nos pasos superiores do percorrido Ourense-Monforte-Lugo.

OS CONTRATOS

O primeiro contrato, licitado por importe de 8.796.886,38 euros, comprende o tratamento de oito pontes, tres túneles, 10 trincheiras e varias obras de drenaxe entre os puntos quilométricos 375/305 e 379/750 do tramo Monforte de Lemos-Lugo.

Outro contrato abarca o tratamento de elementos de infraestrutura entre os puntos quilométricos 379/750 e 386/474, cun orzamento de licitación de 9.067.032,13 euros. Actuarase sobre seis pontes, dous túneles e seis trincheiras, así como en diversas obras de drenaxe.

Un terceiro contrato de tratamento da infraestrutura, cun orzamento de licitación de 13.464.546,91 euros abarca do punto quilométrico 386/474 ao 396/299. Inclúe a actuación sobre 13 pontes, dous túneles, 10 trincheiras, tres medias ladeiras, ademais de varias obras de drenaxe.

O último dos contratos de tratamento de infraestrutura, licitado por importe de 13.040.255,22 euros, estenderase do punto quilométrico 396/299 ata o 405/100 e entre o puntos 413/517 e o 432/265.

En total actuarase sobre 15 pontes, dous terrapléns, unha media ladeira e 16 trincheiras, así como en diversas obras de drenaxe. O obxectivo destas actuacións é mellorar as condicións de conservación e durabilidade das estruturas que, á súa vez, se adaptarán aos parámetros da nova electrificación do tramo. Tamén se mellorará a drenaxe da infraestrutura, mediante a construción de novos elementos de drenaxe e a limpeza e adecuación dos xa existentes.

AMPLIACIÓN DE GÁLIBOS

Adif licitou tamén o contrato para a ampliación de gálibos en nove pasos superiores do tramo Ourense-Monforte-Lugo, exceptuando a variante da Pobra de San Xiao por ser de nova construción. Este contrato ten un orzamento de licitación de 7.586.574,17 euros.

Nesas nove actuacións efectuaranse rebaixes de plataforma, co obxectivo de dotar á infraestrutura do gálibo suficiente para a implantación da nova electrificación do tramo Monforte-Lugo e a reforma da existente no tramo Ourense. O contrato inclúe a actuación sobre o paso superior do punto quilométrico 396/450, situado á saída da estación de Sarria. Neste caso non é posible o rebaixe de plataforma, ao ser zona de aparellos de vía da estación, polo que a solución consistirá na substitución do taboleiro do paso superior por outro de menor canto.

En virtude deste contrato vanse executar tamén outras actuacións:

  • Demolición do paso superior do p. k. 433/125, que se atopa clausurado
  •  Ampliación de plataforma no Porto Seco de Monforte de Lemos, co fin de dotar á vía 31 dunha lonxitude útil de 750 m e estender tamén a lonxitude da vía 32
  • Reposición das instalacións de seguridade e comunicacións afectadas polas actuacións de rebaixe de rasantes e pola ampliación de plataforma en Porto Seco
  •  Cimentación de varios postes de electrificación no tramo Ourense-Monforte de Lemos, afectados por actuacións de rebaixe de rasante

MELLORAS NO TRAXECTO OURENSE-MONFORTE-LUGO

As actuacións de mellora deste tramo, nas que se enmarcan estas licitacións, teñen como obxectivo cumprir os compromisos de Adif coa optimización das condicións de explotación comercial do traxecto, en parámetros tales como a fiabilidade, o confort e os tempos de viaxe. Os traballos previstos inclúen a modernización e adecuación das instalacións existentes, así como a electrificación a 25 kV en corrente alterna do corredor, adaptando a electrificación existente no tramo Ourense-Monforte de Lemos e dotando de catenaria e instalacións eléctricas ao tramo Monforte de Lemos-Lugo.

A primeira destas melloras, a variante da Pobra de San Xiao, entre Monforte de Lemos e Lugo, xa está en servizo desde abril de 2018. Entre os principais beneficios deste novo trazado, duns 7 quilómetros de lonxitude, destaca a supresión dos 14 pasos a nivel do anterior, co consecuente aumento da seguridade ferroviaria, viaria e peonil, así como o incremento da velocidade de paso dos trens ata o 160 km/ h.

Estas actuacións contribúen ao obxectivo de desenvolvemento sostible ( ODS) número 9, que ten entre as súas metas a construción de infraestruturas fiables, sostibles e de calidade para apoiar o desenvolvemento económico e o benestar humano.

0.12144303321838