Licitan a restauración da igrexa do mosteiro de Ferreira de Pallares en Guntín
A Xunta de Galicia vén de sacar a licitación a restauración da igrexa do mosteiro de Ferreira de Pallares, no concello lugués de Guntín, por un importe superior aos 600.000€. A actuación, que busca resolver as diferentes patoloxías que afectan á conservación, iniciou no día de hoxe o proceso administrativo coa publicación na Plataforma de Contratos Públicos de Galicia.
Así, co obxectivo de garantir a conservación do ben e evitar o seu deterioro, a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades pon en marcha estes traballos destinados a resolver os problemas de estanquidade na cuberta, de conservación na estrutura e de deterioro nos elementos de madeira do coro. Ademais, tamén se repararán as carpinterías en mal estado, os elementos escultóricos singulares da fachada e os enreixados metálicos da Capela dos Taboada con problemas estruturais.
Para completar o proxecto, renovarase a instalación eléctrica que estea obsoleta ou en malas condicións e resolveranse os problemas de humidade, colonizacións biolóxicas e sucidade nas fachadas e paramentos interiores.
Para levar a cabo esta actuación, que conta cun prazo de execución de 11 meses, a Consellería de Cultura asinou un convenio de colaboración coa Diocese de Lugo para a posta a disposición do Goberno galego os terreos e inmobles necesarios para a execución das actuacións de conservación.