Licitan as obras de mellora do parque infantil en Guntín
O Concello de Guntín licita o contrato que ten por obxecto a execución das obras de remodelación e mellora do parque infantil en Guntín, dado que os xogos infantís ubicados no núcleo urbano de Guntín están envellecidos, chegando a resultar perigosos para os usuarios. Coas obras propostas apoiaríase ás familias ao dispoñer estas de lugares de lecer aos que os nenos e nenas poderían acudir con total seguridades, aumentado deste xeito a oferta de ocio.
O proxecto ten un orzamento total que ascende á cantidade de 77.946,45 euros e un prazo de execución de 30 días.
A intervención consiste no desmonte e retirada dos xogos existentes a entulleira autorizada, así como a colocación de novos xogos: unha cúpula modelo, unha cama elástica modelo e un randeeira modelo. Trátase de modelos actualizados, dando lugar a que a infancia experimente o xogo independentemente da súa habilidade.
A colocación dos novos xogos infantís irá ligado á execución dun pavimento que amortigüe as posibles caídas.
Na financiación das obras participa a Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes ao abeiro da Orde do 29 de decembro de 2022, pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan subvencións para a creación e/ou mellora das infraestruturas, dotacións, instalacións e equipamentos vinculados á pestación de servizos municipais, destinadas a Concellos de Galicia para o ano 2023, de forma individual e mediante o sistema de xestión compartida.