Licitan o estudo de viabilidade para a conexión ferroviaria entre Lugo e A Coruña

LugoXa
Este proxecto, considerado clave para mellorar as infraestruturas, marca un paso importante cara á modernización das comunicacións en Galicia
estacion-tren-lugo
27 Ago 2024

O secretario xeral do Partido Socialista na provincia de Lugo, José Tomé Roca, destacou o recente avance no estudo de viabilidade para a conexión directa por tren entre Lugo e Santiago de Compostela. Este proxecto, considerado clave para mellorar as infraestruturas ferroviarias e impulsar o desenvolvemento da provincia, marca un paso importante cara á modernización das comunicacións en Galicia.

Tomé Roca subliñou que este progreso "demostra o compromiso firme do Goberno de España, presidido por Pedro Sánchez, coa modernización das comunicacións en Galicia, apostando por unha mellor conexión de Lugo coas demais cidades do eixo atlántico". O dirixente socialista describiu a noticia como "magnífica" para Lugo e para Galicia en xeral, resaltando que a nova liña ferroviaria representará un salto cualitativo nas infraestruturas da rexión.

"O tren directo Lugo-Santiago será unha ferramenta clave para mellorar as comunicacións, facilitar a mobilidade sostible e impulsar o desenvolvemento económico, turístico e social da nosa provincia", afirmou. O secretario xeral tamén resaltou o papel fundamental do Partido Socialista, e en particular o seu, neste avance, grazas a unha relación "fluída e boa" co Goberno Central. Tomé Roca concluíu afirmando que o proxecto reflicte o compromiso socialista coa conectividade de Lugo e co desenvolvemento da provincia.

"Continuaremos traballando para que iniciativas como esta se convertan en realidade, porque sabemos que as infraestruturas modernas son fundamentais para o progreso do noso territorio", engadiu. No caso de Paula Alvarellos, a rexedora destaca que o avance “é o resultado do traballo activo levado a cabo por este Goberno local para esixir a necesaria mellora das comunicacións en Lugo como motor económico e social da provincia”.

Asegurou que desde a súa chegada á Alcaldía reivindican ante todas as administracións “unha mellora das infraestruturas viarias e ferroviarias do municipio de Lugo para así lograr progresivamente esa ansiada mellora da conectividade para que o noso tecido produtivo e o groso da cidadanía poidan competir laboralmente, comercialmente e industrialmente en igualdade de condicións con outros territorios”.  Por iso, van a realizar “un seguimento deste asunto e das súas distintas fases para alcanzar esta necesaria conexión co eixo atlántico. Imos seguir reivindicando as melloras necesarias para Lugo"

0.20128107070923