Lideremos Galicia presenta en Lugo a súa proposta para fomentar o liderado xuvenil e reducir trabas administrativas

Representantes de LIDEREMOS Galicia mantiveron un encontro institucional co alcalde de Lugo, Miguel Fernández, co obxectivo de presentar a plataforma e compartir propostas dirixidas a fortalecer o liderado xuvenil en Galicia.
A delegación lucense estivo encabezada por David Piñeiro, responsable de LIDEREMOS Lugo, acompañado por Alejandro González e Sergio Meilán.
Durante a reunión, celebrada na Casa do Concello, explicaron ao rexedor a misión do colectivo: converterse nun espazo para impulsar o talento mozo, promovendo a participación activa, a formación e a conexión entre novos liderados e as institucións públicas.
Un dos temas centrais do encontro foi a exposición da iniciativa MenosBurocracia, unha proposta que busca simplificar os procedementos administrativos que dificultan actualmente o emprendemento, a actividade cultural e a innovación social da mocidade. A proposta aposta por unha administración máis accesible, eficiente e acorde coas realidades dunha xuventude comprometida.
O alcalde, Miguel Fernández, valorou de maneira positiva o labor da plataforma e destacou o traballo que o Concello está a desenvolver nesta liña, facendo referencia a proxectos como o CEI Nodus ou a estratexia municipal Lugo Transforma, orientados a dinamizar o tecido xuvenil e emprendedor da cidade.
Ao remate do encontro, ambas partes amosaron a súa vontade de manter o contacto e dar continuidade a estes espazos de diálogo, co obxectivo de seguir compartindo iniciativas que acheguen as políticas locais ás necesidades e potencial da mocidade lucense.