Liñares afronta "esperanzado" o primeiro xuízo da Operación Pokemon

LugoXa
Comeza hoxe o xuízo polos supostos delitos de prevaricación e suborno durante a súa etapa á fronte da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil
23 Feb 2021
O expresidente da Confederación Hidrográfica Miño-Sil e exconcelleiro de Urbanismo de Lugo, Francisco Fernández Liñares, dixo sentirse "esperanzado" antes de entrar na Audiencia Provincial de Lugo onde hoxe comeza o xuízo polos supostos delitos de prevaricación e suborno durante a súa etapa á fronte do organismo de concas. A Fiscalía solicita para el unha pena de cinco anos de cadea. A vista oral por esta causa, unha peza separada da Operación Pokemon, prolongarase ata o vindeiro venres.

A Fiscalía sostén no seu escrito de acusación que Fernández Liñares se aproveitou do seu cargo como concelleiro, entre os anos 1999 e 2008 para “tecer unha rede de intereses económicos, concedendo contratos, postos de traballo ou ben a xestión de servizos públicos a entidades nas que o acusado estaba interesado”, a cambio “de subornos ou de cantidades periódicas coas que incrementou notablemente o seu patrimonio”.

Con todo, aclara que estas “irregularidades” cometidas durante a súa etapa no executivo local “non son obxecto de investigación” neste procedemento, que se cingue á súa etapa á fronte da CHMS, un cargo que ocupou desde principios de 2009 ata finais de febreiro de 2012. Durante ese tempo, sempre segundo as conclusións de Fiscalía, Fernández Liñares continuou coas prácticas que mantivera nos seus anos de responsable local, valéndose do seu posto para entregar contratos a sociedades e empresas a cambio de diñeiro ou outros favores.

O Ministerio Público sostén que o acusado empregaba o procedemento de adxudicación negociado que, segundo a Lei de Contratos do Sector Público, permite contratar obras cun orzamento inferior a un millón de euros a condición de que se solicitasen no proceso, polo menos, as ofertas de tres empresas. Segundo Fiscalía, Fernández Liñares teceu unha trama con representantes de varias entidades para adxudicarlles os contratos ao prezo máis baixo para a confederación.

DEFENSA

A defensa de Francisco Fernández Liñares volverá expor, entre outros argumentos, a nulidade das actuacións, ao considerar que a instrución da causa está viciada, porque cando o seu patrocinado prestou a súa primeira declaración fíxoo nunha situación procesual irregular, dado que se excedeu o tempo de detención legalmente previsto, que é de 72 horas.

0.075074195861816