Lorenzana defende Lugo como protagonista na estratexia de seguridade, defensa e aeroespazo

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, acompañada do delegado territorial da Xunta, Javier Arias, avanzou hoxe que a provincia de Lugo vai ter un papel protagonista na Iniciativa Estratéxica de Seguridade, Defensa e Aeroespazo (IESDA), que vai contar cunha partida de 14,8 millóns de euros nos Orzamentos da Xunta do vindeiro ano para poñer en marcha as súas primeiras actuacións.
Así o avanzou nunha xuntanza con representantes da Fundación CEL, que colabora coa Xunta na aceleradora BFAero, e cos promotores dalgúns dos proxectos participantes na última edición. Lorenzana salientou que o obxectivo da nova estratexia é favorecer o desenvolvemento tecnolóxico e empresarial dun sector cun gran futuro pola súa capacidade para a creación de riqueza, captación de talento e emprego de calidade.
Nesta aposta por Lugo, o Parque Industrial de Rozas albergará o primeiro banco de probas en España do “Ceo Dixital Europeo”, anunciou Lorenzana, quen recordou que a semana pasada asinouse unha memoria de cooperación coa empresa común Sesar JU, impulsora deste programa deseñado para unificar o espazo aéreo europeo. Mediante este acordo, Galicia converterase no primeiro banco de probas de España.
A conselleira explicou que Rozas será clave na IESDA e que o obxectivo é “evolucionar o que xa temos hoxe aquí en Rozas e converter o novo parque industrial nun referente europeo do sector do aeroespazo”, xa que é un exemplo emblemático das capacidades da comunidade no ámbito aeronáutico e será parte esencial para o desenvolvemento industrial do resto de Galicia.
Empresas tractoras
Entre as principais medidas que se van poñer en marcha cos orzamentos, María Jesús Lorenzana mencionou a adxudicación dos primeiros grandes contratos de desenvolvemento tecnolóxico coas empresas tractoras que serán socios estratéxicos da Xunta. Tamén, que a principio de ano se convocará a liña de axudas para investimentos en tecnoloxías duais (civil-defensa), na cal se concederá maior puntuación nos criterios de valoración a aqueles proxectos que se sitúen no entorno de parque industrial de Rozas.
Ademais, avanzou a creación dunha aceleradora específica para proxectos espaciais con sede en Rozas e engadiu que existe unha demanda por parte das empresas galegas do sector espacial para que Galicia se posicione para albergar unha aceleradora europea neste eido. “Imos crear unha aceleradora específica e complementaria da actual soamente en espazo, e loitaremos para que esta aceleradora poida entrar dentro dun proxecto europeo importante para reforzar as capacidades tecnolóxicas e industriais deste parque”, anunciou Lorenzana facendo alusión á intención do seu departamento de presentar a candidatura de Galicia para albergar o Centro de Incubación de Empresas da Axencia Espacial Europea (ESABIC).
Así mesmo, Lorenzana manifestou a vontade da Xunta de que todo o traballo desenvolvido ata o de agora no Parque Industrial de Rozas sirva como semente desta Iniciativa Estratéxica de Seguridade, Defensa e Aeroespazo que, de aquí a 2030, vai contar cun investimento público de 183 M€ coa previsión de chegar a mobilizar 900 M€. “Lugo -insistiu a conselleira- vai ter un papel protagonista nesta estratexia no que atinxe ao sector do aeroespazo e para iso imos reforzalo con cargo a este novo orzamento”.