Lorenzana visita a nova central de biomasa do barrio da Residencia de Lugo
A conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lorenzana, destacou hoxe o servizo que vai prestar a nova central de biomasa do barrio da Residencia de Lugo, que cualificou como unha mostra do compromiso da Xunta coa sustentabilidade ambiental e económica do sector público en Galicia.
Esta infraestrutura vai subministrar enerxía térmica e electricidade a todos os novos edificios proxectados no complexo do antigo Hospital Xeral de Lugo, empregando como combustible biomasa forestal residual, ademais de paneis fotovoltaicos para autoconsumo e dous puntos de recarga de vehículos eléctricos. Trátase do centro integral de saúde, da Oficina de Emprego, da residencia de Maiores e Centro de Día e do futuro polo de emprendemento que van albergar estas instalacións. Cun investimento de 1,5M€, vai permitir reducir as emisións de dióxido de carbono á atmosfera en 295,3 t/ano.
Lorenzana enmarcou esta iniciativa na aposta que está facendo a Xunta de Galicia por reducir a factura eléctrica e os custes enerxéticos nos servizos públicos fomentando o autoconsumo e a eficiencia enerxética. “Demostra a aposta de todo o Goberno autonómico polas enerxías renovables e a sustentabilidade, e cremos que temos que empezar polos propios edificios públicos autonómicos”, abondou.
Segundo dixo, as administracións públicas deben desempeñar un papel activo no consumo e aforro de enerxía, non só desde o punto de vista lexislativo, senón como promotores e financiadores de medidas de mellora e como consumidores.