Los Gansos abre a rolda de presentacións concerto do libro de Juan Castro Lodeiro

LugoXa
O grupo lugués Los Gansos reencontrouse tras máis de dúas décadas na presentación e concerto do libro de Juan Castro Lodeiro.
los gansos musica grupo concerto clavi
21 Abr 2023

Arrancou no Clavicémbalo o ciclo de presentacións concerto do libro Aquí non pasa nada. Historias musicais de Lugo, do músico Juan Castro Lodeiro, editado coa colaboración do Servizo de Publicacións da Vicepresidencia da Deputación de Lugo.

A vicepresidenta da Deputación de Lugo Maite Ferreiro asistiu a esta primeira sesión na que o autor repasou o contido do libro, que traza a historia da creación musical na cidade e na provincia deténdose en músicos, bandas, locais e programadores que protagonizaron a vida musical de Lugo nas últimas décadas. Acompañárono Miguel Ángel Martínez, que escribiu o prólogo, e Marcos Vigo, o deseñador da maqueta.

A presentación propiciou o reencontro de Los Gansos, grupo emblemático da escena musical local dos noventa. Enrique Castro (voz), Suso Sancosmed (guitarra), Juantxo Neira (batería) e César López (baixo) volveron xuntarse para tocar no acto que serviu para reivindicar o talento dos músicos lucenses e a música en directo.

A vicepresidenta da Deputación de Lugo Maite Ferreiro valorou “o traballo de Juan Castro que con esta publicación nos recorda a variedade e calidade da creación musical lucense, facendo xustiza a bandas, locais e traballadores e traballadoras da música e da cultura” e sinalou “a necesidade de seguir apostando por artistas e grupos locais para as programacións e actividades culturais na cidade”.

A responsable de Cultura lembrou “esta xira de presentacións e concertos chegará nas vindeiras datas a Foz, Vilalba, Sarria, Chantada e Monforte de Lemos, dando en cada punto o protagonismo a distintos grupos locais”.

0.127201795578