Lóstregos Lucus: “Imos a polo título en todas as categorías”

LugoXa
O club de hóckey e patinaxe, que cumpre 23 anos, mantén o seu obxectivo inicial: “Seguir sendo unha familia" e espera alcanzar unhas 150 licenzas este curso
lostregos-lucus-fotos-carlos-iglesias
Fotos de Carlos Iglesias
3 Nov 2024

Lucía Blanco

Trátase dun dos equipos de hóckey en liña e club de patinaxe consolidados non so na cidade, senón tamén a nivel galego. Aínda que despois de 23 anos, Lóstregos Lucus mantén o seu obxectivo inicial: “Seguir sendo unha familia que foi como se creou ao comezo, no 2001, cando eran un grupo de amigos que quería patinar e foi aumentando a xente ata que decidiron amplialo á disciplina de hóckey”, conta Alberto Fernández, o presidente. Arrancan unha nova tempada na que esperan reunir a uns 150 e 200 licenzas de federados tanto de Lugo como de concellos limítrofes e continuar fomentando o deporte na urbe.

Moven practicamente todas as categorías. Que idades abranguen?

Temos agora mesmo como oficiais catro categorías en liga nacional e extraoficial unha, que é como unha especie de liga privada pero xestionada pola Propia Federación Española. Temos xente dende os 4 anos, que sería o máis pequeno, ata a persoa máis maior que pode ter case 60.

Trátase dun deporte que non entende de xeracións.

Ao final moita xente maior que hai está en patinaxe porque os nenos empezaron a facer hóckey ou patinaxe e eles tamén se foron animando nalgunha xornada de portas abertas que organizamos, foilles gustando e acabaron apuntándose.

Están inmersos neste novo curso despois de despedir unha tempada que deixou moi bo sabor de boca. Que balance fan?

Facemos un balance positivo porque mantemos as 4 categorías a nivel nacional e despois a nivel autonómico conseguimos o título en practicamente todas as categorías. A única categoría na que non o logramos foi na alevín e despois na xuvenil e na prebenxamín porque non nos presentamos.

Cales son os obxectivos agora?

A previsión é conseguir o título en todas, porque mesmo nos apuntamos nalgunha categoría máis aquí en Galicia e a nivel nacional na xuvenil tamén queremos pelexar polo título. Eses logros tamén son como unha recompensa a todo o traballo, porque dedícanlle moitas horas.

O hóckey sobre patíns asóciase moitas veces cunha práctica violenta, aínda que é todo o contrario. A que se debe?

A xente asóciao ao hóckey sobre xeo, ao típico que se ve na televisión que só se ven pelexas, polo que a moita xente dálle medo probar. Pero ao final non ten nada que ver con iso. Nós se nos chegamos a pelexar igual botamos 3 anos sen xogar por estar sancionados. Aínda que compartimos o que son as proteccións, as regras non teñen nada que ver. Si que permite un contacto, pero non tan agresivo.

Que valores se promoven?

Ao final é un deporte colectivo no que ti so non vas a facer nada. Podes meter un gol, pero se non tes persoas por detrás e un porteiro non che vai a servir de nada. Foméntase a unión entre os compañeiros e que se leven ben dentro do que é o equipo e a pista.

Ademais, falamos dunha práctica moi completa. Custa empezar?

Ao principio é máis medo que outra cousa. Parece máis complicado dende fóra do que realmente é. A xente despois de dúas clases adoita estar patinando ela soa. Nós estamos a dispoñibilidade da xente de calquera idade e unha vez que probas é un deporte que che vai gustar porque é moi san a nivel vida, faiche fai mover moito os músculos e necesitas resistencia. É moi completo.

Se se compara con outras disciplinas, segue a ser unha das minoritarias. Vai en aumento a afección?

Si, sobre todo a nivel galego. Eu levo xa 9 anos e cando empecei eramos sobre unhas 40 persoas e equipos aquí en Galicia estabamos nós e dous equipos máis en Lugo, pero non había nas diferentes cidades. Agora mesmo aquí seguimos sendo 3 equipos, en Ourense hai un; outro en Ribadeo, aínda que non compite todos os anos; na Coruña contan con 3 e en Vigo habería outro, pero son recentes e non teñen aínda moita afluencia.

0.20447897911072