Lóstregos Lucus inicia este domingo cursos de condución segura en moto
O club Lóstregos Lucus organizará esta fin de semana un novo curso de técnica de condución viaria segura este domingo 24 de outubro en colaboración co concello de Outeiro de Rei.
Segundo indican "este ano a sinistralidade dos motoristas na comunidade galega subiu moitísimo e é un tema que desde a escola de condución segura dependente do motoclub preocúpanos moito".
O obxectivo final destes cursos é reducir o número de sinistros dos motoristas mediante a sensibilización e tamén mellorando a súa técnica de condución.
Trátase dun curso teórico e práctico sobre técnicas de condución segura en moto que ten como obxectivos ser capaz de anticiparse ás manobras doutros condutores que poden provocar un accidente, recoñecer e evitar os ángulos mortos e as súas fatais consecuencias, mellorar o equilibro encima da moto, aprender a usar a visión periférica, frear de de forma eficiente e segura, negociar mellor as curvas, conseguir cambiar os accidentes por sustos e evitar as situacións que os producen e controlar as reaccións de supervivencia (RS) e gozar dunha condución segura e pracenteira.
Este curso está pensado para todo tipo de motoristas independentemente da experiencia que teñan, pero que non realizasen ningún curso coa nosa escola. Terán preferencia os residentes no concello de Outeiro de Rei.
A parte teórica, que ten unha duración de 3 horas, realizarase integramente en aula.
A práctica realizaranse no circuíto de Outeiro de Rei cedido polo Concello de Outeiro de Rei.