LúaMeiga encherá de arte e cultura a beira do Azúmara o sábado en Castro de Rei

LugoXa | TerraChaXa
Durante toda a xornada, o público poderá participar en catro obradoiros creativos, música, danza e gastronomía
cartel-lua-meiga-2025
19 Jun 2025

A asociación cultural Antigua Fonda 1943 organiza o evento LúaMeiga, unha proposta creativa que busca revitalizar o rural a través da arte, a cultura e a colaboración comunitaria. A cita será o vindeiro 21 de xuño na comarca da Terra Chá, concretamente á beira do río Azúmara, no concello de Castro de Rei.

Durante toda a xornada, o público poderá participar en catro obradoiros creativos: unha benvida ao solsticio con pilates, antotipia ou estampación botánica, bordado creativo e iniciación á restauración de mobles, todos eles impartidos por artistas convidadas. Para participar é necesario reservar praza escribindo a luameigafest@gmail.com.

O evento incluirá tamén unha sesión vermú con música en directo, a cargo da banda local Os do Campo e Atún Blanco, e unha actuación de danza da man de Marta Cuba. Haberá servizo de bar, postos de gastronomía local, tendas de artesanía e espazos de intercambio de roupa e obxectos de segunda man. Ademais, adultos e cativos poderán colaborar na creación dun mural artístico colectivo.

Como parte das actividades culturais, tamén se inaugurará a exposición de fotografía histórica Castro de Rei, os recordos dunha vila e a súa contorna, obra de Laura Díaz.

LúaMeiga é un evento petfriendly e aínda quedan prazas dispoñibles para marcas interesadas en participar no mercado, así como para grupos musicais que desexen sumarse á sesión vermú.

O festival é posible grazas á colaboración da asociación Amigos da Feira e ao apoio do Concello de Castro de Rei, que proporciona as instalacións para a celebración, o Teleclub Xosé Manuel Carballo.

⚙ Configurar cookies
0.16784811019897