Luar na Lubre actuará este venres, 10 de xaneiro, no Auditorio Gustavo Freire
A alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos, mantivo unha reunión con algúns dos membros do emblemático grupo Luar na Lubre, previa ao concerto que a banda galega ofrecerá este venres, 10 de xaneiro, no auditorio municipal Gustavo Freire, a partir das 21.00 horas.
A rexedora municipal eloxiou “a dilatada traxectoria e os moitos éxitos deste grupo que é un claro referente non só da nosa música senón tamén da cultura galega”.
Pola súa parte, Luar na Lubre destaca que a capital lucense é unha cidade "chea de historia e lugares históricos", algo co que tamén traballa a música folk deste recoñecido grupo galego, sendo un dos berces máis importantes para a música folk galega".
Na cidade xurdiron numerosos grupos, propostas musicais… situándose como un dos grandes polos deste xénero non só en Galicia, tamén no resto de España.
Deste xeito, a cidade acolle este venres o concerto do grupo co seu novo traballo ‘Luar Na Lubre XX. Encrucillada’, no que se recollen algún dos temas máis emblemáticos do extenso repertorio da banda, fotografías e literatura da súa ampla historia ademais de testemuñas dos moitos artistas cos que a banda ten colaborado.