Luar na Lubre e La M.O.D.A. estarán no San Froilán

LugoXa
Rubén Arroxo deu a coñecer novas confirmacións para o San Froilán 2023.
luarna lubre
19 sep 2023

Rubén Arroxo deu a coñecer novas confirmacións para o San Froilán 2023. Os concertos de Luar na Lubre e La M.O.D.A únense ao programa do San Froilán “continuando cunha proposta de concertos de artistas coñecidos e emerxentes con diversos estilos e xéneros musicais para que todas as persoas de Lugo e as que se acheguen poidan desfrutar de actividades do seu gusto”.

Luar na Lubre, 9 de outubro ás 21:00 na praza de Santa María

A banda máis internacional do folk galego chega a Lugo co seu novo traballo, o libro-disco Luar Na Lubre XX- Encrucillada, o 20 da súa discografía. O novo formato ten un carácter recompilatorio, con temas icónicos de todos os tempos reinterpretados a día de hoxe. Ademais, é probable que sexa o último álbum en formato físico que presente esta formación que xa vai camiño de cumprir catro décadas de traxectoria.

A banda xa presentou algunhas das cancións deste novo disco no Festival das Estrelas de Madrid que se celebrou o pasado mes de maio. Luar Na Lubre XX- Encrucillada recolle temas emblemáticos con novas versións e voces tan destacadas como as de Pablo Milanés ou Rosa Cedrón. El largo Camino de Santiago é o título da canción que Milanés gravou antes do seu falecemento, unha das xoias deste traballo. Trátase dunha composición extraordinaria, con letra e voz do artista cubano e que conta cun gran valor. Inspírase na música celta e no seu amor a Nancy Pérez.

Tamén destaca Canto de Andar, con novos arranxos, que conta coa colaboración de Rosa Cedrón, que foi vocalista do grupo (1997 a 2005). Trátase dunha composición de Bieito Romero, líder da banda galega, baseada nos cantos tradicionais da xente do campo e que fala das cousas que realmente importan, as do día a día. Esta artista tamén é unha das protagonistas da canción Romeiro ao lonxe, coa participación de oito voces femininas vinculadas ao grupo galego, ao longo dos seus 37 anos de traxectoria musical: Rosa Cedrón, Paula Rey, Sara Vidal, Marisa Valle Roso, SÉS, Irene Sánchez (Filandera), Anna Espinosa, Irene Cerqueiro e a actual voz do grupo, Irma Macías, que aportan unha nova sonoridade, con diferentes texturas.

La M.O.D.A, 11 de outubro ás 22:00 na praza Horta do Seminario

La M.O.D.A. (acrónimo de La Maravillosa Orquesta del Alcohol) nace en Burgos fai unha década. O colectivo está formado por sete compoñentes e combina instrumentos como acordeón, saxo, banjo, mandolina ou clarinete con influencias variadas.

A súa traxectoria sempre estivo marcada polos concertos, gracias aos cales crearon unha base de fieis seareiros. O grupo percorreu o circuíto de salas e festivais do estado, ademais de tocar en México, Colombia, Francia, Italia, Países Baixos, Irlanda, Reino Unido e Estados Unidos, realizando un total de 550 actuacións desde 2011.

No apartado discográfico, LA M.O.D.A. editou catro LP's, e uns cantos EP's (incluído o que gravaron con Steve Albini no 2018) e un par de discos en directo.

Durante os últimos anos, o septeto estivo inmerso nas xiras de presentación de Ninguna Ola, e do seu último disco ata agora, Nuevo Cancionero Burgalés, producido por Gorka Urbizu (Berri Txarrak). Inspirado no repertorio popular da súa terra, con letras sacadas dos cancioneiros populares de Federico Olmeda (1903) e Antonio José (1932) e música composta polo grupo.

La M.O.D.A destaca pola gran variedade estilística das súas cancións, reflexo das súas diversas influenzas, como The Waterboys, Ray Charles, Creedence Clearwater Revival, The Pogues, Johnny Cash, Bruce Springsteen, Woody Guthrie, Bad Religion o Social Distortion, a outros grupos máis cercanos no tempo como Fleet Foxes, Arcade Fire o The Avett Brothers.

0.12816500663757