Lucas Damiani inicia a súa Residencia Paraíso no Vello Cárcere de Lugo

LugoXa
Unha vez finalizada a súa residencia, Damiani ofrecerá unha mostra aberta do seu traballo en proceso, que terá tamén lugar no Vello Cércere
hydra-Lucas-Damiani
26 Ago 2024

O artista Lucas Damiani inicia a súa andaina na oitava edición das Residencias Paraíso 2024, un programa anual de residencias artísticas para a danza e as artes vivas pioneiro no noso territorio, promovido polo Colectivo RPM. O Vello Cárcere de Lugo acolle até o venres 6 de setembro a residencia do artista en torno á proposta do creador uruguaio Lucas Damiani que ten por título Hydra, un proxecto que aposta por unha reivindicación do fracaso, como unha apoloxía da caída e do derrubamento, e por mitoloxías antiheróicas con algunha dose de humor drag, reflexionando a redor da natureza sempre complexa e mutable das relacións.

Unha vez finalizada a súa residencia artística, Damiani ofrecerá unha mostra aberta do seu traballo en proceso, que terá lugar no mesmo Vello Cárcere, o venres, 6 de setembro, ás 20.00 horas, con acceso libre ata completar a capacidade da sala. Paralelamente, o artista participará, xunto ao resto de ‘Artistas Paraíso 2024’, nun encontro anual promovido polo Colectivo RPM que terá lugar os días 20, 21 e 22 de setembro na Illa de San Simón.

Hydra é un proceso de investigación en relación á auga e o seu cambio de estado como punto de partida para xerar preguntas sobre a transformación, os límites, e a intimidade. O espazo desprégase a partir dunha escultura inicial e o seu inevitable desmoronamento, emerxendo en escena entidades e criaturas, que coma ficcións posthumanistas, se (con)funden nunha paisaxe líquida, viva e en constante mutación, propoñendo seres mitolóxicos contemporáneos en continua metamorfose.

Reivindicación do fracaso

O proxecto Hydra aposta por unha reivindicación do fracaso, como unha apoloxía da caída e do derrubamento, e por mitoloxías antiheróicas con algunha dose de humor drag, reflexionando a redor da natureza sempre complexa e mutable das relacións. Lucas Damiani é un artista uruguaio afincado en Lisboa e Berlín, que traballa nas interseccións entre as artes escénicas e visuais, con formación en fotografía, psicoloxía, danza contemporánea e performance.

No ámbito da danza, estudou e formouse con diversos artistas, entre eles Mónica Valenciano (ES), Lucas Condró (AR), Maya M. Carroll (IL), João Fiadeiro (PT), Faye Driscoll (USA) e Diana Niepce (PT), entre outros. Completou o curso intensivo SNDO (Ámsterdam, 2018) e o programa anual de formación TanzIntensive de Tanzfabrik Berlin (2019-2020). Damiani traballou con varios artistas, entre eles Guillermo Weickert - Tocar Con-Mover (SURGE Madrid 2019), Lee Mingwei - Our Labyrinth (Martin-Gropius-Bau, Berlín 2020), João Fiadeiro - R|EXISTÊNCIA (Teatro do Bairro Alto, Lisboa 2021), Marcelo Evelin - Barricada & Batucada (Transborda, Almada 2022 e 2023), e Sofia Dias & Vítor Roriz (novo proxecto, en creación), entre outros.

Tamén colaborou con Noumissa Sidibé (FR) na creación de instalacións performativas, como While There Is Still Room (Berlín, 2020). Lucas formou parte do programa PACAP na quinta e sexta edición (Forum Dança, Lisboa). O seu traballo visual foi exposto tanto individualmente como en exposicións colectivas en Uruguai, Italia, Perú, España e Bulgaria. Maite Ferreiro indicou que o Goberno de Lugo apoia esta actividade co obxectivo de "fomentar a aparición de novos proxectos de investigación e creación arredor das novas linguaxes contemporáneas, alimentando o campo de acción da comunidade artística luguesa".

Do mesmo xeito, preténdese normalizar o concepto de residencia artística, algo "fundamental para o presente e o futuro das políticas culturais en Galiza, porque significa atender e respectar o espazo e o tempo adicado", explicou a edil de Cultura. Destacou que "continuamos as residencias artísticas deste ano, poñendo un ano máis a Lugo no foco das artes do movemento e como un símbolo do apoio as mesmas e a creación cultural en xeral". O Vello Cárcere de Lugo acolleu xa a residencia e mostra final de traballo da creadora escénica galega Cris Balboa para o seu proxecto ‘Sinte’, no que autobiografía e a música electrónica se mesturaron nunha viaxe desde a fraxilidade á celebración.

 

0.18914294242859