Lucía Ferro e Amador Castro comezarán en agosto as súas residencias literarias internacionais en Polonia e Islandia

LugoXa
A Deputación de Lugo impulsa esta nova iniciativa para fomentar a escrita en galego e fortalecer a proxección internacional dos autores da provincia
residencias-literarias-Deputación-de-Lugo
22 Jul 2025

Lucía Ferro e Amador Castro foron recibidos na Deputación de Lugo, por comezar, en agosto, as súas residencias literarias en Polonia e Islandia, respectivamente. Trátase dunha proposta promovida pola Vicepresidencia da Deputación e a Residencia Literaria 1863, que busca potenciar a creación en lingua galega e abrir novas canles de difusión internacional para a literatura da provincia.

Lucía Ferro, escritora e poeta natural de Barreiros, e Amador Castro, autor chantadino, desenvolverán cadanseu proxecto creativo durante a súa estancia no estranxeiro. A autora lucense traballará na Fundación czART(T), situada na localidade polaca de Krzywogonic, mentres que Castro residirá no Centro de Creatividade Gullkistan, en Islandia.

Ambos destacaron que será a súa primeira experiencia nunha residencia artística e valoraron moi positivamente a oportunidade de contar cun tempo e un espazo específicos para a creación literaria, así como un ambiente propicio para o desenvolvemento da súa obra.

Durante o encontro mantido coa deputada de Cultura, os dous escritores avanzaron algúns detalles dos seus proxectos. No caso de Lucía Ferro, centrarase nunha obra narrativa inspirada na figura mítica da "serpe do Masma", a través da cal afondará na reflexión sobre a contaminación das augas e os seus efectos na saúde. Pola súa parte, Amador Castro traballa nunha novela que explora o papel da arte na sociedade contemporánea e o seu valor como ferramenta transformadora.

As estancias están financiadas pola área de Cultura da Deputación no marco das primeiras residencias literarias internacionais postas en marcha este ano.

A convocatoria, coordinada pola escritora Yolanda Castaño, dirixiuse a autores e tradutores da provincia de Lugo cun mínimo dun libro publicado en galego.

Os proxectos presentados foron seleccionados por un xurado composto por Montserrat González Álvarez, da área de Normalización Lingüística da Deputación; Béatrice Pépin, da Asociación Galega de Profesionais da Tradución e da Interpretación; e Lois Pérez, da Asociación de Escritoras e Escritores Galegos.

⚙ Configurar cookies
0.18183898925781