Lucía Freitas amosa os produtos Galicia Calidade ao alumnado do IES Sanxillao
A estrela Michelín, Lucía Freitas, achegouse hoxe ata a cidade de Lugo, dentro do programa da Aula Gastronómica Galicia Calidade. Alí, a chef foi a encargada de amosar os produtos do selo galego ao estudantado dos primeiros cursos de Cociña e Gastronomía e de Dirección de Cociña.
A xerente de Galicia Calidade, Ana Méndez, salientou a importancia para o alumnado de “coñecer a fondo e cociñar” con produtos con este selo. “Son referencia na alimentación”, explicou Méndez. A xerente do organismo puxo en valor, asemade, o privilexio que supón para o alumnado traballar cun referente da cociña galega como é Freitas.
MENÚ
O menú proposto por Lucía Freitas e no que colaborou o estudantado do IES Sanxillao estivo composto de catro platos: empanada líquida de berberecho de Noia; escabeche cítrico de mexillón de Galicia e cabaza; solombo de porco curado en kombu con remolachas da horta; e tarta Exquisiña e xeado de kiwi atlántico.