Lucía Iglesias, cantante de ópera de Lugo: “Quero seguir cantando moitos anos e actuar en Lugo”

LugoXa
Lucía Iglesias García, cantante de ópera lucense de 25 anos, explica como foi o seu proceso de evolución como artista e adianta as súas próximas actuacións internacionais
Lucía-Iglesias-ópera-Lugo-primer-plano
13 Apr 2025

Jessica Fernández

Como xurdiu a súa historia de amor coa música?

Realmente, xurdiu por casualidade. Cando tiña oito anos, meus pais e eu vimos un anuncio no xornal no que buscaban figurantes infantís para a ópera Werther de J. Massenet que se representaba no Festival Mozart de A Coruña. Presenteime a esa audición e seleccionáronme, e aí descubrín o mundo da ópera desde dentro: o proceso de ensaios, o equipo, e, sobre todo, o que hai detrás do escenario. Quedei tan fascinada pola figura do cantante e todo o que envolve o canto, como a actuación, o vestiario, o maquillaxe, a danza… que decidín que quería ser cantante de ópera cando fose maior. Así, comecei os meus estudos de piano no Conservatorio Profesional da Coruña e compaxineino tamén co Coro Xoven da Orquestra Sinfónica de Galicia, que tamén traballaba na produción. Durante 10 anos estiven nese coro, que me axudou a medrar como persoa, como músico, como artista, como todo, porque traballei con profesionais importantísimos e alí fixen as miñas primeiras prácticas. Despois, comecei co canto lírico aos 15 anos e, da man de Manuel Burgueras, que me acompañou moitos anos e sabe moitísimo de ópera e de voz, guioume na dirección correcta; e xunto co mestre Daniel Muñoz seguen sendo os meus guías vocais.

Cóntenos como foi o seu debut con 19 anos e a súa evolución ata agora.

Comecei aos 8 anos, pero ata os 19 non fixen o meu debut profesional, pero era moi nova. Ademais, foi por casualidade, xa que estaba na Escola de Ópera en Sabadell aprendendo e traballando durante meses e xurdiu que tiven que cubrir a unha compañeira que non podía cantar, polo que o meu debut foi coa ópera rossiniana La Cenerentola, de G. Rossini en Cataluña coa Fundació Òpera a Catalunya (FOC). Tamén interpretei o papel de Musetta en La Bohème de G. Puccini; a miña ópera favorita. Logo, fixen o meu debut internacional en Italia tamén con La Cenerentola, de G. Rossini. Estes papeis abríronme moitas portas, aprendín moitísimo e, ademais, sentinme moi orgullosa de poder debutar con 24 anos en Italia.

Foi un camiño duro?

Foi un camiño duro no sentido do traballo, xa que hai que estudar moitas horas. Tiven que sacrificar a vida social na miña nenez e adolescencia, polo que o pasei mal, xa que mentres os meus compañeiros quedaban para xogar, eu tiña que estudar e pensar en como mellorar, escoitando cantantes… Igual saía de casa ás 8 da mañá e non volvía ata as 10 da noite, pero coa paixón que sempre tiven por isto e o moito que me gustaba, realmente non me custaba tanto traballo e mereceu a pena porque estou a cumprir o meu soño. Cando un ten amor por algo, todo se fai máis fácil e máis levadeiro.

Canto é importante o apoio familiar nun sector coma este?

É importantísimo. Vin moitos compañeiros que comezaron, que tiñan un don, que tiñan unha paixón, pero por non estar apoiados polos seus pais, tiveron que dedicarse a outras cousas que non lles gustan e que non lles fan felices. Eu tiven a sorte de ter o apoio incondicional dos meus pais, e da miña familia en xeral, que son os que máis cren en min, moitas veces incluso máis que eu mesma. Ademais, eles avisáronme de que este non era un camiño sinxelo no que tería que traballar moito, ter desgustos… pero eu asumín todo isto porque é o que quero e sempre me sentín apoiada.

Como é o mundo da ópera desde dentro?

O mundo da ópera é un mundo moi internacional, no que coñeces a xente de todas as partes do mundo, e iso créache moita apertura mental, incluso respecto ás amizades, porque, aínda que pareza que non tes nada en común, son persoas coma ti que fan o que aman. Por outra parte, desde a visión do cantante, é un mundo incerto e difícil no sentido de que hai moita xente que quere facer isto e non hai tanto traballo, entón un ten que ser o mellor continuamente. E coma ti, todos os que están, xa que aman a ópera, a música, a arte… entón hai moita competencia, pero a maior é a que tes contra ti mesmo.

Viaxades moito, como es leva?

A vida do cantante é unha vida chea de cambios repentinos. Eu fai un mes non tiña nin idea de que ía estar agora mesmo en Madrid. Tiven que mudarme para traballar no Teatro Real. E igual que che digo isto, seguramente no futuro haberá outras cousas que pasen das que agora mesmo non teño nin idea. Ti tes que ser unha persoa flexible, porque se es unha persoa pechada de mente é imposible que che vaia ben este traballo. Non sabemos o que vai pasar no futuro, e por iso estamos máis acostumados que o resto da xente aos cambios. O que pasa é que non sempre tes a alguén que che siga o ritmo, que poida ir contigo a todas partes. Pero tamén creo que é positivo, porque a soidade é importante para medrar. Ademais, eu teño a sorte de ter unha familia que cando pode, sempre está.

Outra das vantaxes de viaxar moito é que sei moitos idiomas: castelán, galego, catalán, inglés, italiano, francés e alemán. No mundo da ópera, o inglés está aí, pero a verdade é que cando estás nunha produción, normalmente fálase en italiano. E despois tamén o alemán e o francés son moi importantes porque hai moitas óperas en alemán e moito traballo en Alemaña; e, concretamente, a min a ópera francesa encanta.

Actuou algunha vez en Lugo?

Nacín en Lugo e toda a miña familia é de Lugo, pero dende pequena vivín na Coruña, así que estiven entre as dúas cidades e sempre que vou a Galicia, vou á Coruña e a Lugo. Porén, nunca actuei en Lugo e tanto eu como a miña familia estamos desexando que iso ocorra porque sería moi bonito actuar na miña terra.

Cree que fai falta máis cultura musical entre a xente?

Eu creo que o problema real é educativo, xa que non se transmite o amor pola música de pais a fillos. En Austria, por exemplo, é súper habitual que os avós leven aos seus netos aos concertos, ás óperas, e lles expliquen de que vai. É tamén unha maneira bonita de conectar coa familia e coa cultura, e é algo que aquí non temos. Non é que un teña que saber de música para entender unha ópera. A ópera no seu tempo era o que é o cine ou o teatro hoxe en día; a ópera é o antecedente do musical. Ademais, creo que a xente podería atopar a súa paixón, algo que lle ilusionase fóra do traballo e que o sacara da monotonía do día a día. Así, sería xente moito máis chea, máis feliz e que ten como un propósito fóra do traballo. Tamén vexo un problema na sociedade, e é que parece que todo o mundo teña que escoitar o mesmo, e debería haber diversidade de gustos e opcións.

Finalmente, cales son os seus proxectos de futuro?

Actualmente, estou no Teatro Real, onde fixen o meu debut recentemente, representando a Nadine Sierra e Lisette Oropesa nas árias ‘Ah! Je veux vivre’ da ópera Romeo et Juliette e ‘Tu del mio Carlo’ de Verdi: I Masnadieri. Agradezo moito a confianza do programa Crecendo de mozos artistas, do que formo parte, e estou moi contenta, xa que farei tamén un concerto cos meus compañeiros. E xa me preparo para os meus próximos compromisos en Italia, xa que volverei interpretar o papel de Adina e debutarei como Nannetta de Falstaff de Verdi no Teatro Mancinelli de Orvieto; que tamén é outro papel principal, así que estou encantadísima.

O meu obxectivo de vida, ademais de cantar en lugares con moito renome, é seguir cantando moitos anos. Non vexo tanto as metas, senón o proceso en si, a carreira en si. Quero cantar moitos anos, subirme a moitos escenarios, debutar moitos papeis, evolucionar o repertorio, e transmitir á xente; que haxa unha persoa que logre emocionar ao público e que este poida admirala. Para min iso é a miña meta. E despois, se un canta nun teatro máis importante, pois mira, eu non tiña nin idea de que ía cantar agora mesmo no Real. Pero creo que co traballo e coa dedicación, estas cousas chegan. Un non pode andar planificando antes de tempo, sabes? As cousas pasan. E pasan cando non as esperamos. E iso tamén é bonito.

⚙ Configurar cookies
0.16589713096619