Lucía Pérez estrea o videoclip Cabaliño de Lugo, unha homenaxe musical á identidade e riqueza da provincia

A cantante Lucía Pérez, natural do Incio, estreou en Lugo, xunto ao artista G Face, o videoclip do seu novo tema Cabaliño de Lugo, unha peza musical que fusiona emoción, tradición e modernidade para reivindicar os principais atractivos turísticos, culturais e patrimoniais da provincia.
A Deputación de Lugo colaborou nesta iniciativa, cuxa presentación tivo lugar na Praza de San Marcos, onde se congregou numeroso público para gozar do lanzamento do vídeo en pantalla xigante e dun pequeno concerto dos artistas.
O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, acompañou os intérpretes neste acto e destacou a importancia de proxectos como este, que “non só promoven a riqueza do territorio, senón que tamén contribúen a fortalecer a identidade da nosa provincia”. Subliñou que a institución decidiu apoiar esta proposta porque “a cultura é unha das mellores fórmulas para proxectar a imaxe da nosa provincia, dentro e fóra de Galicia”.
Tomé puxo en valor a carga simbólica do videoclip, no que “a nosa terra convértese en escenario, en inspiración e en símbolo de todo o que representa Lugo”, cunha mensaxe que convida a bailar pero que tamén transmite liberdade, orgullo e conexión co territorio. Cabaliño de Lugo, que marca a primeira colaboración entre Lucía Pérez e G Face, foi presentado pola actriz Beatriz Serén, quen tamén moderou unha conversa cos artistas sobre o proceso creativo da canción e da gravación audiovisual.
A peza recolle imaxes emblemáticas da provincia, como a Muralla de Lugo, a Catedral de Santa María e diversas paraxes naturais ligadas ao río Miño, así como elementos do patrimonio etnográfico lucense. Con este traballo, os seus creadores buscan tamén atraer novos públicos e dinamizar a promoción da provincia a través da música.