Lugo: A importancia de cada voto

LugoXa
O PP de Elena Candia absorbeu os sufraxios de Ciudadanos e quedou moi preto da maioría absoluta, que se lle escapou das mans por poucos votos
arroxo e lara mendez
10 Xuño 2023

O PP de Elena Candia absorbeu os sufraxios de Ciudadanos e quedou moi preto da maioría absoluta, que se lle escapou das mans por poucos votos.

CONCELLEIROS ELECTOS

◆ María Elena Candia López (PP)
◆ Cristina Sanz Arias (PP)
◆ Enrique Rozas López (PP)
◆ Antonio Ameijide Osorio (PP)
◆ Javier Vázquez Prado (PP)
◆ Flora Rubinos Rois (PP)
◆ Silvia Colmenero Guzmán (PP)
◆ Ramón M. Cabarcos Rodríguez (PP)
◆ Agustín Gallego Vigo (PP)
◆ Aurora Aida Goás Castro (PP)
◆ Gustavo Enrique Díaz Rey (PP)
◆ María Mar Carballas Piñeiro (PP)
◆ Lara Méndez López (PSOE)
◆ Miguel Fernández Méndez (PSOE)
◆ M. Paula Alvarellos Fondo (PSOE)
◆ Mauricio Repetto Morbán (PSOE)
◆ Ana Mª González Abelleira (PSOE)
◆ Jorge Bustos Atanasio (PSOE)
◆ Olga López Racamonde (PSOE)
◆ Ángel P. Permuy Villanueva (PSOE)
◆ Rubén Arroxo Fernández (BNG)
◆ Tareixa Antía Ferreiro Tallón (BNG)
◆ Alexandre Penas Roibás (BNG)
◆ Cristina López Fernández (BNG)
◆ Felipe Rivas Jorge (BNG)

Unha moi escasa marxe deixou á candidata popular Elena Candia fóra do despacho principal da Alcaldía. O PP liderou o reconto en todo momento pero comezou tendo unha maioría absoluta que despois se lle escapou ao mesmo tempo que o partido perdía tamén a Deputación.

Candia fixo subir en votos moito ao Partido Popular pero non todo o que necesitaba. Gañou 2 concelleiros, a costa de Ciudadanos de Olga Louzao, que non logrou revalidar a súa representación e queda fóra da corporación seguindo o exemplo doutros moitos municipios de todo o territorio nacional.

As outras dúas forzas, que gobernaron estes últimos catro anos en coalición, non mudan resultados. O PSOE mantén os 8 que tiña e suma votos, e o BNG, que contaba con ter máis, desta volta non puido subir. Gañou votos pero non os suficientes para ter máis representación.

Presentábanse oito candidaturas a estas eleccións e só obtiveron representación as tres principais forzas.

Tras Ciudadanos, que foi o cuarto partido máis votado, queda VOX, que se fixo co 2,28% dos sufraxios, 1.127 votos.
A coalición Podemos-Esquerda Unida quedou coa metade de votos que obtivo a formación morada no 2019 en solitario (o 1,44%, uns 710).

Tampouco logrou sumar un concelleiro a nova formación Contamos, que presentou varias listas en diferentes concellos sen moito éxito. En Lugo só lograron sumar 397 votos, o 0,8% dos sufraxios.

Finalmente, o partido independente UCIN tampouco puido pasar do 0,33% do electorado (163 votos).

A pelexa pola Alcaldía de Lugo centrouse unicamente en tres partidos e estivo no aire ata o último momento. O PP sabía que tiña que ter a absoluta para ter posibilidades e PSOE e BNG tiñan na man a intención de revalidar o pacto de Goberno si era necesario.

O Partido Popular reclamou tamén ante a Xunta Electoral e procedeuse á revisión dos votos nulos na circunscrición electoral. Malia que algúns deles foron admitidos como válidos ao final, o resultado non mudou e o PP aceptou unha derrota agridoce por ter a maioría de votos.

A socialista Lara Méndez e o nacionalista Rubén Arroxo, que non acadaron os resultados de crecemento que esperaban pero que festexaron a noite electoral coma gañadores, xa iniciaron a rolda de negociacións para a seguinte lexislatura, na que terán que repartir competencias de novo, así como cargos. Dado que a representación obtida nas urnas é similar á anterior, non debería mudar moito a situación.

Pola súa banda, a candidata Elena Candia mandou unha carta aos outros dous líderes ofrecendo formar un goberno en coalición entre os tres e gobernando o partido máis votado.

Lugo1923
Lugo23
0.19537401199341