Lugo abre a cidade ao río Rato

LugoXa
A área de Mobilidade do Concello fai balance das actuacións levadas a cabo no último ano para facilitar o acceso dos veciños ao paseo fluvial
paseo rio rato lugo
13 Feb 2021

O Concello de Lugo fixo este sábado balance das actuacións realizadas no último ano para mellorar a conexión da cidade coa zona do Río Rato. O tenente de alcalde e responsable da área de Mobilidade e Infraestruturas, Rubén Arroxo, explicou que “tratamos de mellorar o acceso ao Rato ao mesmo tempo que dabamos solucións á mobilidade, mellorando tamén a calidade de vida da veciñanza”.

A área de Mobilidade actuou no último ano no Barrio Xuíz, mellorando o estado de todos os viais dunha zona próxima ao río, que se atopaba nun avanzado estado de desgaste. Nos últimos meses, realizouse tamén a mellora do asfaltado do Carril do Xuízo, onde se mellorou a adherencia do vial, substituíndose o asfalto na parte inferior, que chega á zona do río. Por último, vense de rematar o asfaltado da rúa Virxe da Esperanza, que une Montirón con San Fiz e o Paseo do Rato.

En total, o Concello de Lugo investiu 132.842,69 euros “que foron adicados á mellora da calidade de vida da veciñanza de cada zona da cidade e ao mesmo tempo á mellora dunha das zonas verdes máis importantes de Lugo”, segundo explicou Rubén Arroxo.

Segundo o tenente de alcalde, “coas restricións de mobilidade actuais, o Paseo do Rato estase a converter nunha das zonas máis utilizadas polas veciñas e veciños para practicar deporte e pasear, e desde o goberno municipal queremos facilitar que toda a veciñanza poida acceder á zona”.

ruben arroxo rio rato
0.12362194061279