Lugo abre a convocatoria de axudas culturais con 15.000 euros para asociacións sen ánimo de lucro

A Concellería de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo acaba de abrir o prazo para solicitar as subvencións destinadas a asociacións culturais e entidades xurídico-privadas sen ánimo de lucro que desenvolvan a súa actividade no eido da cultura.
Así o anunciou a concelleira Maite Ferreiro, quen explicou que se trata dunha partida de 15.000 euros destinada a colectivos que estean constituídos e domiciliados no municipio.
Entre os criterios que se terán en conta para a concesión das axudas, priorizaranse aquelas actividades que non empreguen a muller como reclamo nin atenten contra a súa dignidade, así como aquelas entidades que conten cunha vogalía ou departamento de muller ou igualdade, ou cuxa directiva estea composta, cando menos, nun 50 % por mulleres. Ademais, valorarase positivamente o uso do galego e a promoción dos valores culturais propios de Galicia e da cidade de Lugo.
As asociacións solicitantes poderán incluír nos seus proxectos todos aqueles gastos que, de forma directa e indubidable, estean vencellados á natureza da actividade e se leven a cabo ao longo do ano 2025, incluíndo o persoal específico necesario para o seu desenvolvemento.
Así mesmo, permitirase destinar ata un 20% da subvención concedida a cubrir gastos de funcionamento da entidade, como poden ser electricidade, teléfono ou alugueiro de locais.
O prazo para presentar as solicitudes permanecerá aberto ata o vindeiro 14 de agosto a través da sede electrónica do Concello.