Lugo abre a súa cloaca romana, a única que se pode visitar en Galicia
O xacemento arqueolóxico coñecido como Sub Terra Aquae cos restos dunha cloaca romana da antiga Lvcvs Avgvsti xa pode visitarse. Os restos que foron restaurados na parte posterior da sala Porta Miñá, no barrio do Carme, poden visitarse, polo momento, nun horario reducido. Os interesados poden achegarse ao xacemento de martes a domingo de 12.00 a 13.00 h e de 17.00 a 18.00 h. Esta musealización, impulsada desde Alcaldía, forma parte da estatexia DUSI #Muramiñae: da muralla ao Miño.
A construción da cloaca dátase a partir de mediados do século IV grazas a unha moeda acuñada entre 341-346 d.C., que foi achada na gabia de cimentación. Para a construción aproveitouse a pendente natural do terreo que facilitaba a drenaxe e a evacuación das augas residuais deste sector da cidade, desde o Foro ata a súa saída por Porta Miñá, a través dun percorrido duns 460 m, para ir desembocar finalmente no río Miño. A cloaca discorría baixo o pavimento do decumanus maximus, encaixada nunha gabia escavada no terreo natural.
As paredes de lousa teñen un grosor medio duns 45 cm, sobre as cales apoia unha bóveda de medio canón construída mediante unha cimbra autoportante apoiada na parte superior dos muros. Para controlar a velocidade da auga e a acumulación de refugallos sólidos, os enxeñeiros romanos engadiron durante o percorrido unha serie de elementos que garantían o seu bo funcionamento, como pequenas barreiras, chanzos ou saltos hidráulicos
Conexión da cidade e o río
Desde Porta Miñá e descendendo polas Costas do Carme, establecíase a conexión entre a cidade romana e o río, espazo por onde entraba a vía romana XIX do Itinerario de Antonino, que comunicaba Lucus Augusti con Bracara Augusta (Braga) e Asturica Augusta (Astorga). O tramo da cloaca conservado evidencia que esta sae da cidade pola Porta Miñá, discorre baixo a vía e vertería as súas augas residuais no río Miño, seguindo o Regueiro dos Hortos.
Lucus Augusti dispoñía dunha rede de saneamento para a evacuación das augas residuais: pequenas canalizacións nas rúas conducían as augas pluviais, os restos fecais e outros residuos ás cloacas principais que, despois dun longo traxecto, vertían as augas fóra da cidade. Na cidade coñécense canalizacións de cuberta adintelada que discorren en superficie, a ambos os dous lados da calzada, e grandes colectores soterrados ou cloacas abovedadas, que se encaixaban baixo o pavimento das rúas principais, os decumani, aproveitando as pendentes naturais do terreo.