Lugo abre listas para oito bolsas de emprego municipal
O Concello de Lugo anuncia a activación de 8 novas bolsas de emprego municipais nas categorías de Enxeñeiro de Obras Públicas, Enxeñeiro Industrial, Enxeñeiro Técnico Industrial, Técnico Administración Xeral, Técnico en Educación Infantil, Técnico Especialista TIC, Técnico Medio de Administración Xeral e Enxeñeiro de Montes.
Así o trasladou esta mañá a tenenta de alcaldesa e edil de Gobernanza, Paula Alvarellos, que tamén explicou que, nas vindeiras semanas e logo de que conclúa o proceso de alegacións, o Concello comezará a nutrirse delas para cubrir diversos postos que se atopan vacantes na actualidade.
A responsable da área económica sinalou que a orde de publicación das listas atende a criterios de urxencia segundo as necesidades detectadas pola Administración local para ocupar as prazas baleiras nos servizos con maior carga de traballo e recordou que, até a data, posibilitaron xa preto dunha trintena de contratacións.
“O obxectivo destas bolsas é ir xerando listas de substitución naqueles departamentos nos que se detecta unha demanda frecuente de profesionais de xeito que permitan garantir a continuidade da actividade que se desenvolve nestas áreas, sen que se vexan afectadas por circunstancias como as baixas laborais, a chegada de períodos vacacionais ou o incremento puntual das tarefas que teñen asignadas”, abondou.
Alvarellos Fondo indicou que a súa creación espertou, dende o inicio, moitísimo interese entre a cidadanía lucense até o punto de recibir preto de 12.000 solicitudes o que demostra que “son unha importante oportunidade laboral nun momento de especial dificultade pola situación de incerteza económica que xerou a crise sanitaria”, subliñou a concelleira.
“Son, xunto co resto de medidas adoptadas polo Executivo de Lara Méndez, como a entrada en vigor da RPT ou a convocatoria das OPEs, outro paso máis para mellorar a atención que a Administración local presta á veciñanza, posibilitando a provisión dos postos de traballo que poidan atoparse vacantes nun momento dado”, concluíu a tenenta de alcaldesa.