Lugo abre o prazo para solicitar as axudas para a rehabilitación do casco histórico
O Concello de Lugo abriu un prazo de dous meses para concorrer á fase XVI das axudas para a rehabilitación do Centro Histórico, logo de publicarse no BOP o anuncio oficial da convocatoria o pasado venres.
En total, o Executivo de Lara Méndez estima poder financiar ate unha trintena de intervencións que serán sufragadas cunha partida de 430.061 euros dos que, ao abeiro do Plan Estatal de Vivenda, o MITMA achega 386.253 €, a Consellería de Medio Ambiente 99.808 € e a Administración local 44.000 euros que, por outra banda, eximirá aos promotores destas actuacións do pago da taxa de servizos urbanísticos e habilitará unha bonificación de até o 95% do Imposto sobre Construcións, Instalacións e Obras para incentivalas.
O procedemento, xestionado dende Evislusa, permitirá subvencionar actuacións relacionadas coa conservación e mantemento de inmobles, a adopción de sistemas de aforro da enerxía e mellora da eficiencia enerxética. De maneira que se agarda chegar a promover, entre financiamento público e privado, un volume de negocio que superará os 1’3 millóns de euros (1.357.142 €).
As vivendas obxecto deste procedemento, que segue o réxime de concorrencia competitiva, deben estar destinadas a uso residencial e tamén será preceptivo que o edificio obxecto da reforma conte con división horizontal e, cada unha das vivendas, coa súa devandita referencia catastral.
Entre os traballos subvencionables inclúense, entre outros, a reparación ou substitución de cubertas, da carpintería exterior dos edificios, así como a mellora da accesibilidade do edificio ou vivenda, tratamentos de fachada ou medianeiras, adopción de sistemas de aforro enerxético ou obras destinadas á mellora da solidez.
Para a concesión das axudas terán preferencia, en primeiro lugar, as construcións catalogadas sobre as non catologadas e, dentro daquelas, terán prioridade as situadas no Burgo Medieval, seguidas polas do Ensanche Decimonónico e as do Ensanche Recente.
Logo, unha vez seleccionados os expedientes por ese orde, procederase a unha segunda escolla en función do tipo de actuación a realizar, ao tratarse dun ámbito que conta cun plan especial de conservación, protección e rehabilitación, outorgándoselle en primeiro lugar ás actuacións nos elementos comúns dos edificios sobre as que sexan no interior da vivenda, tendo preferencia cando se trate de obras en elementos comúns, aquelas que afecten á envolvente do inmoble co fin de emendar as patoloxías do mesmo como poden ser filtracións ou humidades, as que melloren o illamento térmico, a seguridade estrutural e a accesibilidade.
E cando se trate de obras privativas na vivenda terán preferencia as intervencións que consistan na mellora da habitabilidade e accesibilidade no interior das mesmas.
A contía máxima das axudas pode alcanzar o 40% do custo subvencionable (por vivenda con referencia catastral), cun tope máximo de 12.000€ para obras de mellora de eficiencia enerxética e de 8.000 € se se trata de obras de accesibilidade e conservación, aínda que excepcionalmente esta porcentaxe máxima poderá ampliarse até o 75% se os ingresos da unidade de convivencia da persoa propietaria ou arrendataria, promotora da actuación e residente son inferiores a tres veces o IPREM. Esta mesma porcentaxe aplicarase cando se acometan intervencións para a mellora da accesibilidade na vivenda habitual e se acredite que existen na devandita unidade persoas con discapacidade ou maiores de 65 anos.
Finalmente, a data tope estipulada para ter rematadas as obras e comprobadas con toda a súa documentación rematará o 30 de novembro de 2026.