Lugo abre o prazo para solicitar as fogueiras de San Xoán con normas estritas para garantir a seguridade

LugoXa
As persoas e colectivos interesados poderán presentar as súas solicitudes ata as 13:00 horas do vindeiro día 23 de xuño
alcalde-de-Lugo-e-Policía-Local
16 Jun 2025

O Concello de Lugo vén de abrir o prazo para solicitar autorización para organizar as tradicionais fogueiras de San Xoán, unha das celebracións máis populares da cidade. As persoas e colectivos interesados poderán presentar as súas solicitudes ata as 13:00 horas do vindeiro día 23 de xuño, nas dependencias da Policía Local.

O alcalde, Miguel Fernández, animou á veciñanza a participar nesta tradición, ao tempo que apelou ao respecto pola normativa recollida no bando municipal, que busca garantir a seguridade das persoas e o bo desenvolvemento dos actos.

O bando establece que está prohibido queimar rodas, plásticos, derivados do petróleo e materiais contaminantes ou tóxicos, así como lanzar foguetes durante a celebración. Tamén se indica que non se poderán facer fogueiras en zonas próximas a liñas eléctricas, edificios, xardíns, zonas verdes ou no centro histórico, nin en calquera outro lugar onde poida supoñer un risco.

O Concello lembra que en 2023 se rexistraron 387 solicitudes, e preto de 400 o pasado ano, o que mostra a crecente participación nesta festa.

Ademais, as persoas organizadoras deberán retirar todos os restos unha vez rematada a queima, e no caso de incumprimento das normas ou queixas da veciñanza, o lume poderá ser apagado de inmediato polo Servizo de Extinción de Incendios, por orde da Policía Local.

⚙ Configurar cookies
0.15249800682068