Lugo abre o ciclo de concertos 'Na casa deles' sobre poetas da provincia
O Salón de Actos do Pazo de San Marco acolleu onte á noite o primeiro concerto do ciclo Na casa deles... co que o cuarteto vocal Son de corda homenaxea os poetas lucenses Manuel María, Álvaro Cunqueiro, Uxío Novoneyra, Lorenzo Varela, Luis Pimentel e Darío Xohán Cabana.
A formación, coas voces de Esperanza Iglesias, Carmen Prendes, Fernando G. Jácome e Antón Castro, contou co acompañamento de Raúl Rodríguez (piano), María Pichìn (danza) e Aldara Palmeiro (violín), que interpretaron un repertorio de composicións musicais baseadas en poemas dos escritores mencionados.
O vicepresidente da Deputación de Lugo Efrén Castro lembrou que “inauguramos un ciclo de concertos que nos permite desfrutar en directo de músicos e voces extraordinarias e que serve tamén para lembrar e seguir espallando a poesía dalgúns dos nosos autores máis recoñecidos” e que “hoxe, aquí en Lugo, ten especialmente presentes a Luis Pimentel e Darío Xohan Cabana”.
O ciclo de concertos, financiado pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo, presenta en vivo o proxecto “Na casa deles”, para o que Son de Corda gravou pezas musicais en diferentes espazos ligados a biografía e á obra de Manuel María, Álvaro Cunqueiro, Uxío Novoneyra, Lorenzo Varela, Luis Pimentel e Darío Xohan Cabana. As gravacións rexistráronse en curtametraxes realizadas por Manuel Lucas Mariño.
O ciclo continuará con concertos en Parada do Courel, Monterroso, Outeiro de Rei e Mondoñedo nas vindeiras semanas.
Outras datas
- 28 de outubro
Casa Museo Uxío Novoneyra. Parada do Courel. - 28 de outubro
Centro Sociocultural de Monterroso - 18 de novembro
Casa Museo Manuel María. Outeiro de Rei - 22 de decembro
Auditorio de Mondoñedo.