Lugo acolle a a primeira edición de TurisTalent 5.0

LugoXa
Doce proxectos innovadores iniciarán un proceso intensivo de acompañamento que se prolongará ata xaneiro de 2026, co Talent Day como primeira xornada de traballo colaborativo
TurisTalent-Lugo
24 Sep 2025

O Concello de Lugo puxo en marcha a primeira edición de TurisTalent 5.0, unha aceleradora pioneira en Galicia dedicada ao turismo e á enogastronomía, que contará coa participación de doce proxectos innovadores. O programa desenvolverase nun proceso intensivo de acompañamento que se prolongará ata xaneiro de 2026, e comezará este venres no Edificio Impulso Verde co Talent Day, unha xornada de benvida que combinará traballo colaborativo, primeiros pitches e dinámicas de interacción entre os equipos seleccionados.

O edil de Dinamización Económica, Mauricio Repetto, destacou que con TurisTalent “reforzamos a competitividade do noso sector turístico e enogastronómico ao tempo que apoiamos o talento emprendedor que nace en Lugo” e engadiu que a aceleradora “nace cunha clara vocación de futuro, dando un espazo para consolidar e facer crecer ideas innovadoras arredor do patrimonio, a dixitalización e a sostibilidade”.

Pola súa banda, o alcalde Miguel Fernández subliñou que a iniciativa supón “unha oportunidade única para apoiar o talento emprendedor, impulsar ideas innovadoras e reforzar a competitividade do sector turístico e enogastronómico”. O rexedor explicou que os equipos contarán con acompañamento durante todo o proceso para transformar as súas ideas en proxectos empresariais viables, xerando emprego cualificado e novas oportunidades para Lugo.

O Talent Day permitirá aos equipos coñecerse, participar en talleres prácticos, dinámicas de traballo colaborativo e simulacións de pitches de dous minutos, gravados para a súa posterior análise. A xornada incluirá tamén sesións de perfeccionamento da comunicación con expertos e espazos de networking.

Entre os proxectos seleccionados destacan propostas que van desde experiencias turísticas inmersivas ata solucións dixitais de última xeración. Lugo 5 Sentidos ofrece unha experiencia sensorial que combina visitas guiadas, degustacións e interacción histórica, mentres que ALMA aposta por paquetes turísticos dixitais que poñen en valor patrimonio pouco coñecido. Barvantia propón experiencias no Camiño de Santiago combinando viaxes en autocaravana con asistencia local.

Master of Museums (LUCUS Arqueolóxico) aposta por gamificar a visita a museos mediante tecnoloxía NFC, aplicacións e un códice físico. TheOK.app desenvolve ferramentas de escoita activa para destinos intelixentes, e Raíces – Reconecta contigo aposta polo benestar con baños de bosque, ioga e actividades híbridas. Tutapeo utiliza intelixencia artificial para mellorar a visibilidade de locais HORECA e crear rutas personalizadas, mentres que Saberes da Terra aposta polo turismo gastronómico e cultural con obradoiros, eventos e meal kits. A Casa da Memoria combina cultura, arte, memoria histórica e área camper sostible, e Camino y Sabor centrase en experiencias enogastronómicas con produtores locais. WorkFromGalicia ofrece servizos para viaxeiros e peregrinos que desexen combinar teletraballo e estancia, e Doris Repostería presenta repostería galega artesanal, creativa e sostible.

TurisTalent 5.0 enmárcase no Plan de Sostibilidade Turística en Destino “Et Edendo, Lucus: un percorrido histórico pola enogastronomía”, conta con dous millóns de euros de fondos europeos Next Generation e busca consolidar a posición de Lugo como destino turístico innovador, desestacionalizar o turismo e situar a cidade como referente europeo en innovación turística e enogastronómica. Con esta primeira edición, Lugo convértese no primeiro municipio galego en contar cunha aceleradora propia especializada neste sector.

⚙ Configurar cookies
0.083714962005615