Lugo acolle a campaña 'Galicia sabe AMAR' en dúas xornadas
A cidade de Lugo acolleu onte e tamén o fará o vindeiro martes, 31 de outubro, a campaña da Consellería do Mar Galicia saber AMAR, que busca promover o consumo de peixes e mariscos galegos.
O delegado territorial da Xunta, Javier Arias, visitou a foodtruck que recalou na praza do Camiño Primitivo (de 12.00 a 15.00 horas e de 18,00 a 21,00); e que o martes estará en Augas Férreas no mesmo horario.
A iniciativa quere poñer en valor o labor dos profesionais do mar, difundir a calidade dos produtos galegos e concienciar sobre a importancia de manter uns bos hábitos nutricionais que inclúan o peixe como alimento saudable.
En cada parada, os visitantes poden degustar algún dos 10 petiscos pensados para esta iniciativa, realizados a base de produtos certificados do mar, como o berberecho de Noia, o bonito do norte, o mexillón de Galicia ou peixes e mariscos co selo pescadeRías xunto con outros da terra con denominación de orixe como as fabas de Lourenzá, o mel, os pementos, os queixos, o pan e as patacas.
A campaña conta con catro foodtrucks que están a percorrer localidades galegas e doutros lugares de España. Na provincia de Lugo, as próximas paradas serán en Quiroga (mañá, 27 de outubro); Lourenzá (28 de outubro) e Monterroso (2 de novembro). Ata o momento xa foron visitados 39 municipios lucenses.