Lugo acolle a estrea de 'O camiño de Cova Eirós', un documental de Xose González Varela

Os cines Códex de Lugo acollerán este xoves 30 de outubro ás 20:00 horas a estrea do documental O camiño de Cova Eirós, dirixido e producido polo realizador lucense Xose González Varela (Lugo, 1983). A película é o resultado de case unha década de seguimento das excavacións arqueolóxicas na Cova Eirós, situada en Triacastela, o xacemento máis importante do paleolítico galego.
O proxecto xurdiu en 2011, cando o director comezou a rexistrar o traballo dun equipo de arqueólogos que, un ano despois, descubriría as primeiras pinturas rupestres de Galicia, un achado que situou a Cova Eirós como referente da investigación prehistórica no noroeste peninsular. Durante máis de dez anos, González Varela acompañou aos especialistas no seu labor e na súa convivencia coa veciñanza e coa contorna natural, dando forma a un documental de 52 minutos que ofrece un achegamento íntimo, humano e visualmente coidado á arqueoloxía galega.
O realizador explica que a protagonista do filme é a propia cova e a paisaxe que a envolve, situada nas serras orientais da aldea de Cancelo, no municipio de Triacastela. A súa entrada, a media ladeira, só é accesible por un sendeiro estreito que atravesa os prados da aldea ata a cavidade, un camiño que cada verán percorre o equipo de arqueólogos dirixido por Arturo de Lombera e Xose Pedro Rodríguez para continuar desentrañando a historia dos homininos que habitaron o lugar de maneira intermitente durante decenas de miles de anos.
Ademais de restos de Homo sapiens, en Cova Eirós atopáronse evidencias da presenza de neandertais, o que converte o enclave nun punto único para investigar se ambas especies chegaron a convivir no tempo. O achado das pinturas rupestres, as primeiras documentadas no noroeste, incrementou aínda máis o seu valor histórico e científico.
O documental, que xa se preestreou este verán na propia aldea de Cancelo ante máis de cen veciños e veciñas da contorna, iniciará tras a estrea en Lugo unha xira por diferentes salas de Galicia, coa intención de achegar ao público unha visión nova sobre a prehistoria e a paisaxe galega a través do cinema documental.