Lugo acolle a exposición itinerante ‘Tesouros da terra’ no marco do centenario da Cámara Oficial Mineira de Galicia

LugoXa
A mostra repasa 2.500 anos de historia mineira e pon en valor o legado patrimonial da provincia
exposición-Minería-de-Galicia-Lugo
17 Sep 2025

A Praza Maior de Lugo é o escenario da exposición itinerante Tesouros da terra: a minería galega a través do tempo, organizada pola Cámara Oficial Mineira de Galicia no marco da celebración do seu centenario. A mostra, composta por oito paneis divulgativos, percorre 2.500 anos de historia mineira e está aberta ao público ata o 1 de outubro na Praza Maior de Lugo.

Na inauguración, o alcalde Miguel Fernández salientou a importancia da minería galega como parte esencial do patrimonio lucense e felicitou á Cámara Oficial Mineira polos seus cen anos de actividade.

O rexedor puxo en valor o pasado mineiro da provincia, desde as minas de ouro explotadas polo Imperio Romano ata os xacementos de ferro en diferentes concellos, que fixeron de Lugo unha das rexións máis destacadas neste ámbito. “Agardo que esta exposición sirva para escavar un pouco máis na nosa historia e no noso pasado”, afirmou.

Pola súa parte, o deputado Rivera Capón animou a cidadanía a visitar a exposición que “permite ao visitante coñecer a evolución da minería na nosa comunidade e a súa importancia histórica, económica e cultural”.

A directora da Cámara Oficial Mineira, Arantxa Prado, acompañou o acto de apertura da mostra, que se insire dentro do calendario de actividades conmemorativas do centenario da institución, fundada o 10 de setembro de 1925 co obxectivo de promover o mellor aproveitamento dos recursos xeolóxicos de Galicia.

⚙ Configurar cookies
0.10735893249512