Lugo acolle a exposición “Mulleres para pensar, ideas para defender” na Biblioteca Pública

O Foro Feminista de Lugo organizou a exposición 'Mulleres para pensar, ideas para defender', unha proposta que see poderá visitar na Biblioteca Pública de Lugo desde o 2 ata o 21 de marzo.
A iniciativa reúne 30 carteles cunha escolma de pensadoras e activistas acompañadas de frases que remitían ao pensamento crítico e ás loitas pola igualdade desde o século XVIII ata a actualidade.
O lema que acompañou a mostra, 'Porque elas foron, nós somos. Porque nós somos, elas serán', serve como fío condutor dunha proposta que apela á continuidade das loitas pola igualdade.
A mostra pon o foco en mulleres fundamentais para comprender a xenealoxía feminista, ofrecendo unha representación gráfica de cada autora que inclúe un código QR para acceder á súa achega intelectual e ao seu legado.
A exposición salienta así a importancia de recuperar a memoria histórica das mulleres, das súas reivindicacións e da súa contribución ao desenvolvemento do feminismo ao longo de tres séculos.
Desde o feminismo ilustrado ata hoxe, o percorrido da mostra evidencia como este pensamento ético e político de emancipación universal tivo que xustificarse de maneira constante, fronte á idea recorrente de que se trata dun movemento recente. A través das protagonistas seleccionadas, cuestiónase a orde social baseada na xerarquía sexual sustentada en prexuízos, deslexitímase o poder patriarcal e reivindícase a emancipación da metade da humanidade.
A organización subliña que todas as mulleres presentes na exposición formaron parte desa xenealoxía feminista, aínda que recoñecen que moitas outras tamén merecerían figurar nela.