Lugo acolle a I Xornada de Cribado de Cancro de Cérvix para avanzar na prevención

LugoXa
Esta xornada quere ser un espazo de encontro, formación e reflexión para todos os perfís profesionais implicados
hula-hospital-lugo
17 Jun 2025

Este 19 de xuño, o Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA) acollerá a I Xornada de Cribado de Cancro de Cérvix de Galicia, un encontro organizado para recoñecer o traballo dos profesionais implicados no programa autonómico de detección precoz e afondar nos avances na prevención desta enfermidade. A iniciativa está promovida pola Dirección Xeral de Saúde Pública en coordinación coa Xerencia do HULA, e poderá seguirse de forma presencial ou por videoconferencia.

Desde decembro de 2023, o Programa Galego de Detección Precoz do Cancro de Cérvix está plenamente despregado nas sete áreas sanitarias. As mostras recollidas analízanse na Unidade Central de Detección do Virus do Papiloma Humano (VPH), situada no propio HULA, que se consolidou como centro de referencia e vén de obter a certificación de calidade segundo a norma ISO 9001:2015, que avala a excelencia dos seus procesos.

Esta xornada quere ser un espazo de encontro, formación e reflexión para todos os perfís profesionais implicados: matronas da Atención Primaria, persoal de xinecoloxía, microbioloxía e anatomía patolóxica. Todos eles desempeñan un papel esencial nunha estratexia clave para detectar o cancro de cérvix en fases iniciais e reducir a súa incidencia.

Entre os avances máis recentes destaca a implantación dun sistema de invitacións mediante mensaxes SMS á poboación diana, que mellorou a accesibilidade e eficacia do programa.

A organización desta primeira xornada busca tamén consolidar un espazo estable de recoñecemento, aprendizaxe e mellora continua na loita contra o cancro de cérvix en Galicia.

⚙ Configurar cookies
0.16990089416504