Lugo acolle a II Feira de Educación, Formación e Emprego os días 9 e 10 de abril

O Pazo de Feiras e Congresos de Lugo será o escenario, os días 9 e 10 de abril, da II Feira de Educación, Formación e Emprego, unha cita clave para o alumnado que está a piques de iniciar a súa etapa de formación superior.
A II Feira de Educación, Formación e Emprego abrirá as súas portas ambos días en horario de 9.00 a 14.00 horas e de 16.00 a 19.00 horas.
A feira, que chega á súa segunda edición co apoio da Fundación de Feiras e Exposicións de Lugo, prevé recibir máis de 6.000 visitantes ao longo das dúas xornadas.
Está deseñada como un espazo de encontro entre estudantes, centros educativos e entidades formativas e profesionais, ofrecendo información de primeira man, asesoramento e orientación para definir o futuro académico e laboral da mocidade galega.
O evento contará coa participación de 23 centros educativos galegos, ademais dun posto específico de Formación Profesional e outro dedicado a programas creativos impulsados pola Consellería. Tamén estarán presentes as tres universidades galegas, xunto con outras institucións académicas a nivel nacional.
Ademais, a feira incluirá stands informativos das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, como o Exército, a Policía Nacional e a Garda Civil, ofrecendo así unha visión ampla das diferentes saídas profesionais dispoñibles.
O evento forma parte do novo calendario de feiras Galicia Educa, impulsado pola Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional da Xunta de Galicia.
A directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, e o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, animaron aos estudantes e ao conxunto da cidadanía a achegarse aos numerosos stands da feira. “É unha oportunidade para coñecer de preto a ampla oferta formativa e a calidade do traballo que realizan os centros educativos galegos, especialmente no ámbito da Formación Profesional”, sinalaron.
Esta cita lucense insírese dentro das 17 feiras que compoñen o calendario Galicia Educa ao longo do curso escolar, un programa que busca mellorar a orientación vocacional do alumnado e poñer en valor o labor dos centros educativos en todo o territorio galego.