Lugo acolle a IV edición do torneo 'Maestros del Norte' esta fin de semana

LugoXa
Nesta edición, contaranse máis de 600 participantes de todo o territorio español, entre eles destacan 34 parellas asturianas, 12 vascas, 29 andaluzas e 16 chegadas desde Cataluña
torneo-'Maestros-del-Norte'-futbolín-Lugo
5 Feb 2025

A cuarta edición do torneo Maestros del Norte terá lugar esta fin de semana, 8 e 9 de febreiro no soto da Praza de Abastos.

Este torneo, que é un dos máis importantes a nivel estatal, traerá a Lugo a un gran número de xogadores de futbolín. Nesta edición, contaranse máis de 600 participantes procedentes de todo o territorio español, entre eles destacan 34 parellas asturianas, 12 vascas, 29 andaluzas e 16 chegadas desde Cataluña. Ademais, 156 parellas competiran procedentes de diferentes puntos de Galicia.

A concelleira de Participación, Cristina López, subliñou que “repetimos un ano máis un torneo xa consolidado no calendario estatal do futbolín e na programación da cidade de Lugo, ao mesmo tempo que seguimos ampliando a oferta de actividades na Praza e no Mercado, achegando unha nova proposta de ocio á cidadanía”.

A concelleira asegurou que “este torneo non só promociona a cidade de Lugo, senón que tamén favorece sectores como a hostalería e a hotelaría, ao atraer a centos de persoas chegadas de toda España”.

López tamén resaltou que “seguimos avanzando dende a Tenencia de Alcaldía nun Lugo cun gran potencial turístico desestacionalizado, que cada vez se afianza máis no mapa de eventos deportivos de relevancia”.

A Asociación Lucense de Futbolín, creada en 2018 coa finalidade de promover e dar visibilidade a este deporte, será a encargada de organizar este evento, continuando co seu labor de fomento da práctica do futbolín, un xogo creado por Alexandre de Fisterra.

0.1456310749054