Lugo acolle a mostra 'Leonardo da Vinci. Arte en la calle. Observa, cuestiona, experimenta'

LugoXa
Esta exposición céntrase nun dos aspectos máis fascinantes do artista: o seu pensamento innovador e a súa curiosidade insaciable
Mostra-Leonardo-da-Vinci-Lugo
5 Dec 2024

A mostra 'Leonardo da Vinci. Arte en la calle. Observa, cuestiona, experimenta' xa está exposta na praza da Horta do Seminario.

Esta exposición céntrase nun dos aspectos máis fascinantes do artista: o seu pensamento innovador e a súa curiosidade insaciable. Ademais, divídese en dous ámbitos: un espazo interior, onde os visitantes poderán afondar no pensamento do xenio renacentista, e un exterior, con catro maquetas a escala real baseadas nos deseños orixinais de Leonardo.

No interior, unha gran proxección audiovisual, creada especificamente para esta mostra, conecta a mirada de Leonardo co noso día a día no século XXI. Maite Ferreiro explicou que “as visitantes poderán experimentar con sete xogos interactivos, tanto analóxicos como dixitais, que exploran a creatividade e as innovacións de Leonardo a través de disciplinas como a enxeñaría ou a arte”.

No exterior, as maquetas, construídas con tecnoloxía moderna e materiais actuais, “ofrecen unha fiel interpretación dos debuxos de Leonardo, proporcionando unha visión única da súa capacidade inventiva”, concretou a concelleira de Cultura.

A exposición amplíase ao mundo virtual coa aplicación móvil gratuíta ‘Leonardo CaixaForum’, dispoñible para dispositivos Android e iOS. Mediante a realidade aumentada, toda persoa que se achegue poderá visualizar como serían estas máquinas construídas cos materiais orixinais da época -como o ferro, a madeira ou o coiro- e ver os movementos tal e como o propio Leonardo os imaxinara.

A exposición 'Leonardo da Vinci. Arte na Rúa: Observa, Cuestiona, Experimenta' “é unha invitación a mergullarse na mente dun dos maiores xenios da historia, e a descubrir, a través do xogo e a interacción, o legado que nos deixou”, declarou Maite Ferreiro, que animou a toda a veciñanza a achegarse a esta experiencia única que combina historia, arte e innovación, e que estará dispoñible ata o vindeiro 15 de xaneiro do 2025.

⚙ Configurar cookies
0.14752101898193