Lugo acolle a presentación da Plataforma de Porcino de Cría Tradicional

GaliciaXa | LugoXa
Gandeiros e gandeiras de toda Galicia impulsan unha iniciativa para defender as pequenas explotacións ante a presión da produción industrial e o endurecemento das normas sanitarias
Pazo-de-Feiras-e-Congresos-de-Lugo
15 Mar 2026

Este luns, 16 de marzo, ás 16.30 horas, o Pazo de Feiras e Congresos de Lugo será o escenario da presentación da Plataforma de Porcino de Cría Tradicional, unha iniciativa promovida por gandeiras e gandeiros galegos que buscan organizarse para defender o futuro das pequenas explotacións dedicadas á cría tradicional de porcos.

Os produtores que participan neste sector afrontan na actualidade diversas dificultades e ameazas que poñen en risco a continuidade destas gandarías. Entre os principais problemas figura a forte competencia das explotacións industriais, que comercializan canais a prezos máis baixos, cun menor tempo de engorde e con rendementos máis elevados. A esta situación súmase o recente endurecemento das medidas de bioseguridade impostas ás explotacións porcinas debido ao risco sanitario asociado á presenza da Peste Porcina Africana.

A normativa que regula a produción de gando porcino é especialmente restritiva e, segundo sinalan os promotores da iniciativa, as novas esixencias para reforzar a bioseguridade —especialmente aquelas destinadas a evitar o contacto cos xabarís, considerados o principal vector de transmisión da enfermidade— implican investimentos económicos importantes para explotacións que xa contan cunha viabilidade limitada. Esta situación está a provocar dificultades crecente para moitas gandarías familiares, ata o punto de que algunhas se ven obrigadas a cesar a súa actividade.

Outro dos problemas detectados é a falta de formación específica para os titulares destas explotacións e a inexistencia, ata o momento, dunha entidade que represente o colectivo e que lles ofreza asesoramento técnico. A ausencia dunha estrutura organizativa que os acompañe na mellora das instalacións, no cumprimento das novas esixencias sanitarias e veterinarias ou na aplicación das normas de benestar animal supón tamén un obstáculo relevante para a continuidade deste modelo produtivo.

Neste contexto social, sanitario e económico que cualifican de especialmente complexo, un grupo de gandeiras e gandeiros decidiu dar un paso adiante e unirse para traballar de maneira conxunta na defensa da cría tradicional de porcino en Galicia.

Os impulsores da plataforma lembran que estas pequenas explotacións non só forman parte do tecido socioeconómico do rural galego, senón que tamén contribúen á produción de alimentos sostibles e de calidade diferenciada, destinados fundamentalmente ao mercado local e de proximidade. Ademais, destacan o papel fundamental que desempeñan na conservación da única raza porcina autóctona de Galicia, actualmente en perigo de extinción.

Por todo iso, produtores de diferentes puntos do territorio galego acordaron poñer en marcha esta primeira plataforma, que nace coa vocación de servir como punto de encontro e defensa do sector e que, no futuro, podería derivar na creación dunha asociación máis estruturada. O obxectivo inicial pasa por definir liñas de traballo comúns e comezar a actuar de maneira coordinada en favor do colectivo.

0.126305103302