Lugo acolle a presentación da XXV edición da revista poética 'Xistral', fundada por Manuel María
A axenda cultural da cidade de Lugo acollerá, un ano máis, a presentación da nova edición da revista Xistral, que este ano chega á súa XXV edición. Trátase dunha publicación poética luguesa froito do entusiasmo de xuventude dun aínda descoñecido Manuel María, que comezaba a publicar os seus primeiros poemas.
A revista, explicou Maite Ferreiro, xurdiu dunha “época de carencias e atrancos de todo tipo, pero rica en iniciativas arriscadas de escritores e escritoras que loitaron contra a censura”. Páxinas escritas por luguesas e lugueses, da capital e da provincia, que se converten en herdanza e lembranza daquelas artistas que foron efémeras pero que merecen ser recordadas, insistiu a concelleira.
Xa na súa XXV Edición, na revista Xistral seguen a participar un grande número de poetas de Lugo ou vinculados dalgún xeito á provincia. No acto deste martes, “plural e aberto”, participan poetas, que “ofrecerán un emotivo recital co que volta a cita anual coa poesía galega, unha canle de difusión para os creadores e as creadoras lucenses e, tamén, un proxecto de referencia para todas as persoas con inquedanzas pola poesía”, rematou Ferreiro.