Lugo acolle a presentación de 'VIVA! Os xenerais da Ulla'

Este venres, 30 de xaneiro, ás 19:00 horas, a Libraría Trama será o escenario da presentación de VIVA! Os xenerais da Ulla, unha obra asinada por Eutropio Rodríguez e Javier Iglesias Ramos que propón unha mirada visual e documental sobre unha das tradicións máis singulares do Entroido galego. O acto contará coa presentación a cargo de Eutropio Rodríguez.
O libro reúne un total de 154 fotografías realizadas entre os anos 2019 e 2023, nas que se retrata a tradición dos Xenerais da Ulla en distintos concellos como Silleda, Vila de Cruces, A Estrada, Santiago, Vedra, Teo, Boqueixón, Touro e Padrón. A través das imaxes, a publicación percorre os distintos momentos, personaxes e ambientes desta manifestación festiva, ofrecendo un testemuño visual da súa riqueza e diversidade.
A obra complétase cun texto do músico e investigador Fernando Reyes, que afonda nas orixes históricas e nos modelos de representación dos míticos Xenerais, achegando unha contextualización cultural e antropolóxica que dialoga co material fotográfico.