Lugo acolle a presentación do II Informe Socioeconómico do Eixo Atlántico
O estudo, dirixido polo catedrático Fernando González Laxe, realiza unha análise da conxuntura económica, demográfica e do comportamento poboacional das cidades de Galicia e do Norte de Portugal en 2022.
A presidenta do Eixo Atlántico, Lara Méndez, e o secretario xeral, Xoán Vázquez Mao, presentaron o segundo Informe Socioeconómico do Eixo Atlántico no Club Financeiro de Santiago. Roberto Pereira, presidente do CFS, inaugurou o acto, que contou coa intervención de Fernando González Laxe, catedrático de Economía Aplicada da Universidade da Coruña e autor do estudo, no que tamén participou Adriano Fidalgo de Sousa, CEO de Astrolábio, Orientación e Estratexia SA.
O informe constitúe unha fotografía da situación social e económica das cidades e do territorio da Eurorrexión tras a pandemia e realiza un diagnóstico da situación actual que constitúe un soporte de información co propósito de axudar á promoción das áreas territoriais do Eixo Atlántico e coa vontade de valorizar as súas fortalezas e potencialidades. O informe é un instrumento para a análise, non só individual, senón colectivo xa que tamén compara os territorios da Eurorrexión.
No informe socioeconómico, ademais de analizar a conxuntura económica, estúdase a situación demográfica e o comportamento poboacional na economía dos fogares, as condicións de vida das persoas, as características das empresas, o mercado de traballo e os aspectos relacionados co turismo.
Roberto Pereira Costa, presidente do Club Financeiro de Santiago, entidade que colaborou na publicación deste segundo Informe Socioeconómico, resaltou o crecemento e a utilidade deste documento.
Xoán Vázquez Mao, secretario xeral do Eixo Atlántico, explicou que: “Desde ou Eixo traballamos co Club Financeiro de Santiago e con AE-Minho porque vemos un interese e unha necesidade de traballar por esta Eurorrexión”. En canto ao estudo destacou que “este informe socieconómico baséase nos datos, que son esenciais para a toma de decisións”.
Fernando González Laxe, experto redactor do informe, empezou explicando que esta macrorregión “ten unha extensión de 50.000 quilómetros cadrados, ao sumar Galicia e o Norte de Portugal, isto é máis de Dinamarca, Países Baixos, Suíza… Estamos nunha extensión maior, pero temos menos poboación, 6,3 millóns”. Laxe tamén recalcou que: “A taxa de crecemento da economía galega en 2022 creceu un 3,8 %, isto é case dous puntos por baixo da media estatal, pero presenta un maior dinamismo que Alemaña, Francia e Italia. Portugal presenta un crecemento superior, 6,7 %.
En 2022, o crecemento agregado do PIB fundaméntase na contribución da demanda externa, que achega 3,7 puntos fronte a tan só unha décima no caso da demanda interna. “Un dos principais problemas da economía galega é a baixa produtividade”, apuntou Laxe.
O experto seguiu debullando o tema de demografía: “Galicia perde poboación e no norte de Portugal crece un pouco, poderíase dicir que é estable. En Galicia só tres concellos están por encima dos 100.000 habitantes e en Portugal dez. Isto ten moita importancia porque fomenta a implementación de empresas, economías de acumulación e captar investimentos”. Tamén resaltou que “Galicia deixou de ser un país de emigración para converterse nun país receptor de persoas. Isto é, a inmigración é superior á emigración”.
O director do estudo, Fernando González Laxe, finalizou a súa intervención con afirmando que: “Fáltanos o márketing, unha marca conxunta, vender o mesmo… Isto daríanos unha reputación a nivel internacional”.
Lara Méndez López, presidenta do Eixo Atlántico, pechou o evento subliñando que “o novo informe permítenos facer unha radiografía da situación social e económica da rexión nun período concreto, marcado pola crise como consecuencia da contracción da economía polo covid-19 e a posterior invasión da Ucraína. Por tanto, este documento aporta información clave da nosa situación como Eurorexión, o que nos permite marcar o camiño a seguir para avanzar como sociedade no contexto da Unión Europea”.
“Este avance ao que aspiramos pasa, en gran medida, por fortalecer a economía das nosas empresas a través do fomento da innovación para gañar competitividade e poder xerar novos empregos e, así, fixar poboación. Neste camiño, sen dúbida, é necesario continuar coa transición marcada pola Unión Europea de cara á redución da nosa dependencia da enerxía fósil para reducir así mesmo a dependencia de Rusia e os países asiáticos”, concluíu Méndez antes de agradecer a González Laxe o seu labor como director do proxecto.