Lugo acolle a presentación do proxecto do Perte agroalimentario ao sector lácteo
A subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez; acompañou hoxe ao director da Oficina Técnica do Comisionado de Proxectos Estratéxicos para a Recuperación e Transformación Económica (PERTE) Agroalimentario do Ministerio de Industria, Comercio e Turismo, Galo Gutiérrez-Monzonís, que participou na presentación do proxecto Cadea de valor láctea intelixente, trazable, sostible e conectada do Consorcio SmarTZ4milk, que busca captar fondos do Plan de Recuperación a través do PERTE Agroalimentario.
Durante a xornada de traballo, que tivo lugar na sede do Grupo Lence en Lugo, Galo Gutiérrez-Monzonís salientou que se trata dun proxecto tractor, no que participan 14 empresas españolas, cun valor estratéxico para a economía en Galicia, que aumentará a competitividade do sector lácteo, mellorando a sustentabilidade, promovendo a innovación e dixitalización na produción do leite, e potenciando investimentos verdes. Así mesmo, destacou o papel de Leche Río, asumindo o liderado para coordinar este proxecto clave para a industria do leite. No encontro tamén participaron a alcaldesa en funcións de Lugo, Lara Méndez; a CEO do Grupo Lence, Carmen Lence; e o director de Clusaga, Roberto Alonso.
Un acto no que a rexedora destacou o papel que xoga Galicia e, máis concretamente o municipio de Lugo e a provincia, no sector lácteo tal e como se reflicte no número de empresas presentes nese PERTE.
“Un protagonismo que tamén lle corresponde á Aula de Produtos Lácteos e Tecnoloxías Alimentarias do Campus de Lugo como peza clave no apoio á investigación e o Desenvolvemento Tecnolóxico do sector”, afirmou Méndez.
A alcaldesa cualificou de excelente a concesión do proxecto, “en tanto o sector agroalimentario é un dos piares nos que se asentan as bases da reindustralización do noso concello, xunto a sostibilidade, o forestal e a innovación, tal e como acordamos na Mesa da Industrialización que mobilizamos tras a pandemia xunto ao empresariado, a Universidade e o Goberno galego”.
“Desde o Concello somos conscientes especialmente da importancia da innovación, con eses compoñentes de sostibilidade e tecnoloxía como eixes transversais, para impulsar os sectores primarios en Lugo, onde o rural representa o 90% da súa superficie. E froito desta preocupación é a creación do fondo inversor municipal Lugo Transforma, do que tamén Leite Río forma parte xunto a outras empresas punteiras do municipio, e co que estamos dando apoio a novas compañías que achegan proxectos realmente interesantes e cuxa implantación e crecemento vai estreitamente vinculado á mellorar a vida do empresariado que crea emprego no sector agroalimentario como pode ser, por exemplo, a través da monitorización dos seus procesos de produción ou das súas canles comerciais”, engadiu.
Igualmente Lara Méndez, agradeceu ao Goberno de España a súa aposta por este PERTE, “e desde logo, aos seus precursores, porque a colaboración público privada é clave para o crecemento dos territorios”, concluíu a rexedora.