Presentada a iniciativa deportiva Chan Común, un proxecto pioneiro de baloncesto inclusivo

O proxecto Chan Común — Xunt@s de verdade da Fundación Breogán foi presentado como un proxecto pioneiro en Galicia que utiliza o baloncesto como ferramenta de inclusión, convivencia e desenvolvemento persoal.
Durante o acto déronse a coñecer os equipos masculino e feminino, aos que tamén se lles fixo entrega das súas equipacións oficiais de xogo.
A presentación converteuse nun momento simbólico que marca o inicio desta iniciativa, que busca crear un espazo onde todas as persoas poidan participar en igualdade real, promovendo valores como o respecto, a cooperación e o compañeirismo a través do deporte.
No evento estiveron presentes diversas autoridades e representantes das entidades impulsoras, entre elas Nuria Varela-Portas, presidenta da Fundación Breogán; Fernando Pérez Lozano, presidente da Fundación Dignidade; e Victorino Escamilla Paz, director xeral, quen acompañaron aos participantes nunha xornada sinalada polo seu carácter emotivo.
Chan Común nace así como un proxecto que transforma o deporte nun punto de encontro inclusivo, cun enfoque baseado en xogar, compartir e convivir sen barreiras, converténdose nun referente innovador dentro do ámbito deportivo galego.