Lugo acolle a primeira andaina solidaria organizada por ACARLU

A Asociación Cardiolóxica Lucense (ACARLU) organiza este domingo, 14 de decembro, a súa primeira andaina solidaria, unha actividade aberta á veciñanza que une a práctica saudable co coñecemento do patrimonio local. A andaina dará comezo ás 11:00 horas desde a Praza de Abastos e consistirá nun percorrido guiado polo guía turístico Guido Guía, que levará aos participantes a visitar diversos puntos do casco histórico de Lugo.
A iniciativa ten tamén unha vertente solidaria, xa que busca visibilizar o labor de ACARLU na rehabilitación e apoio a persoas con doenzas cardíacas, así como na promoción de hábitos de vida saudables entre a poboación.
A concelleira de Participación, Cristina López, resaltou a importancia de “colaborar co tecido asociativo de Lugo en iniciativas coma esta, que contribúe a mellorar a saúde das persoas afectadas por enfermidades cardíacas”.
López destacou ademais que a Praza e o Mercado Municipal están abertos á participación da veciñanza e das asociacións para a organización de diferentes actividades, co fin de converter estes espazos públicos en lugares de referencia para a cidade.