Lugo acolle a Semana Internacional do Deporte Antigo con exhibicións, formación e competicións históricas

LugoXa
A cidade converterase nun referente europeo na recuperación de disciplinas deportivas da Antigüidade cun intenso programa do 7 ao 9 de novembro
Semana-Internacional-Deporte-Antigo-Lugo
5 Nov 2025

Lugo transformarse nun escenario deportivo histórico entre o 7 e o 9 de novembro coa celebración da Semana Internacional do Deporte Antigo, unha cita que situará a cidade como espazo destacado na posta en valor das prácticas atléticas da Antigüidade.

O encontro, impulsado pola Área de Xuventude e Deportes do Concello en alianza coa asociación Lucius Spiculus Divulgación, ofrecerá unha proposta aberta ao público que combinará divulgación, práctica e espectáculo, reunindo especialistas de España e Italia.

A programación comezará o venres 7 de novembro ás 20.00 horas na Casa da Xuventude cunha charla titulada O deporte clásico na actualidade, impartida polos divulgadores e deportistas Adrián Mirón Chaos e Alejandro Barrio Arias, que explorarán a permanencia dos valores atléticos da Antigüidade e a súa relación co deporte moderno.

O sábado 8 a actividade trasladarase ao Complexo Deportivo de As Pedreiras, onde ás 12.00 horas desenvolverase un adestramento aberto no que o público poderá observar e probar técnicas básicas do Harpastum. Pola tarde, ás 17.00 horas, os mesmos expertos impartirán na Casa da Xuventude a conferencia Os orixes do Harpastum, centrada na historia deste xogo romano. A xornada culminará ás 20.00 horas co encontro internacional entre as seleccións de Italia e España, unha das propostas máis destacadas do programa, que permitirá ver en directo unha recreación fidedigna e dinámica deste deporte ancestral.

A clausura chegará o domingo 9 de novembro ás 12.00 horas no Campo de Rugby de San Fiz – Montirón, onde se levarán a cabo os Xogos Panhelénicos infantís, unha demostración pensada para que a cativada se achegue a modalidades inspiradas nas competicións da Grecia clásica como lanzamento de disco, carreira ou salto, convidando ao público a participar e descubrir estas disciplinas.

Nesta edición, o Harpastum converterase no protagonista da programación. Trátase dun xogo de pelota utilizado polas lexións romanas como método de adestramento e lecer, con forte compoñente estratéxico e físico, considerado precedente do rugby. “A súa recuperación axúdanos a entender como o deporte tamén reforzaba a disciplina, o compañeirismo e a convivencia”, apuntou o concelleiro de Xuventude e Deportes, Jorge Bustos, que salientou que esta celebración permitirá “viaxar ás raíces de moitas modalidades deportivas actuais e gozar dunha experiencia singular que combina rigor histórico, aprendizaxe e participación social”. O edil engadiu que cada edición “reforza o papel de Lugo como cidade que aposta pola cultura e o deporte como motores de cohesión e atractivo turístico”.

Lucius Spiculus Divulgación, colaboradora habitual do Arde Lucus, traballa desde 2020 na recreación e difusión das prácticas atléticas antigas e participou en eventos en cidades como Mérida, Turín e Roma. A súa presenza en Lugo reafirma o compromiso municipal con propostas culturais e deportivas que integran tradición, participación e coñecemento. “Queremos que cada veciño e visitante descubra nesta Semana unha forma diferente de achegarse ao noso pasado, aprendendo, practicando e gozando dun legado que nos identifica”, concluíu Bustos.

⚙ Configurar cookies
0.073425054550171