Lugo acolle a xornada “Women in sports” para visibilizar os distintos papeis da muller no deporte

LugoXa
O encontro reuniu deportistas e profesionais da saúde e da comunicación para reflexionar sobre igualdade e referentes femininos no ámbito deportivo
xornada-“Women-in-sports”-Lugo
14 Mar 2026

A xornada “Women in sports”, promovida por Jessica Féquière, xogadora do club de baloncesto Ensino Lugo e vicepresidenta da Fundación Familia Mathurin, celebrouse en Lugo coa participación da asociación deportiva Sagrado Corazón e coa colaboración do Goberno galego.

Baixo o lema “Os moitos rostros da muller no deporte”, a iniciativa reuniu como relatoras á tamén xogadora do Ensino Lydia Giomi, á médica Elena Quintas, á fisioterapeuta Patricia Pontón e á xornalista deportiva Zeltia Regueiro. O encontro desenvolveuse no salón de actos da Delegación Territorial da Xunta en Lugo e estivo moderado pola xornalista María Guntín.

Durante a apertura da sesión, o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, destacou a importancia de “dar voz ás mulleres no ámbito deportivo para avanzar na igualdade e situar o deporte feminino no lugar que merece”.

Arias valorou positivamente esta iniciativa por “poñer o foco no papel das profesionais que traballan polo deporte desde as canchas, as consultas ou os medios de comunicación”. Neste sentido, sinalou que accións deste tipo contribúen a modificar os esquemas tradicionais e a crear novos referentes, especialmente entre as xeracións máis novas. “Se conseguimos que estes referentes se consoliden entre a mocidade, xa non haberá retorno”, afirmou.

O delegado tamén lembrou que o deporte feminino en Galicia atravesa o seu mellor momento, con cifras récord de licenzas federativas, que roldan as 87.600. A este dato súmanse as 740 deportistas recoñecidas como de alto nivel e os 122 equipos de alta competición que reciben apoio da Xunta a través do Plan de patrocinio de equipos de alta competición.

No caso da provincia de Lugo, Arias referiuse ao “orgullo” que supón contar con equipos femininos que compiten nas máximas categorías de distintas disciplinas deportivas. Con todo, subliñou que aínda é necesario seguir avanzando no camiño cara á igualdade, un reto no que, segundo indicou, clubs, asociacións e entidades deportivas continuarán contando co apoio da Administración autonómica.

0.11968207359314