Lugo acolle a XXIII edición da Mostra de Teatro Clásico
Lugo volve a encherse de teatro coa XXIII edición da Mostra de Teatro Clásico, que este ano aumenta a súa programación ata chegar ás 14 representacións que encherán o Auditorio Municipal Gustavo Freire e a praza da Mosqueira de cultura de calidade durante o mes de marzo
“Quixemos facer unha programación extensa, de calidade e para todos os públicos”, explicou Maite Ferreiro, que engadiu “continuamos a concentrar a mostra no mes de marzo, facilitando a afluencia do público e a difusión da programación de Teatro Clásico”.
A Mostra de Teatro Clásico do 2023 contará tamén cunha importante aposta polas compañías galegas que comezaron a producir obras clásicas, a área de Cultura achega este ano o teatro á rúa e a outros lugares, como o a praza da Mosqueira, que acollerá espectáculos para público familiar, aínda que a programación continuará maioritariamente no Auditorio Municipal Gustavo Freire.
As entradas poderán adquirirse a través do portal entradaslugo.es a 8€ nos espectáculos para público adulto e 3€ os espectáculos para público familiar que teñan lugar no auditorio. As persoas en paro, menores de 30, pensionistas e actores e actrices asociadas á AAAG poderán desfrutar dun 30% de desconto.
Ademais, poderase comprar un bono que incluirá toda a programación para público adulto a un prezo de 50€. Os bonos estarán á venta ata o vindeiro día 28, e as entradas poderán adquirirse individualmente a partir desa data.
Programación XXIII Mostra de Teatro Clásico
Venres 3 de marzo ás 20.30 no Auditorio Municipal Gustavo Freire estará a obra Jácara para un pícaro o la España negra de La Griot´te. Sinopse: A compañía ambulante de La Griot’te preséntase na praza. O azaroso encontro, que non foi así concibido, dunha gravadora cun feixe de ignotas historietas, ás que curiosamente arremedan aquelas contadas por El Buscón, preséntanos a un ‘Cristiá novo’ dando conta das súas vivencias nunha terra que lle é descoñecida. Nelas amosa un retablo de especies cridas extintas aínda que en perigo de reconstrución nun Madrid a calcetín volto. La Griot’te, grazas á arte dos xograres e olé, revive tal periplo dando corpo ós personaxes cos que o cativo se topou, nun espectáculo musicado de ‘raras avis’ para o deleite dos presentes. Recomendada para público adulto cunha duración de 80 min.
Domingo 5 de marzo ás 18.30 no Auditorio Municipal Gustavo Freire estará Molto Barroco de Píscore. Sinopse: Molto Barroco é, antes que nada, unha reivindicación das composicións musicais barrocas desde o teatro. Píscore Teatro ofrece a posibilidade de gozar, desde o teatro e o humor, da música da época barroca. Con motivo do baile de petición de man da súa prometida, o Rei encarga ao Compositor da corte unha peza orixinal. Esta solicitude desencadea unha serie de escenas cómicas entre o Compositor e os seus tres músicos de cámara nas que teñen cabida todo tipo de gags, rutinas cómicas e musicais, bailes e ata xogos malabares. Recomendada a partir de seis ano cunha duración de 60 min.
Xoves 9 de marzo ás 20.30 no Auditorio Municipal Gustavo Freire. estará El diablo cojuelo de Rhum Teatre e CNTC. Sinopse: Aos pallasos de Rhum & Cia encárganlles facer un clásico e tómano coma unha gran oportunidade. Elixen, porque non había outro na libraría, El diablo cojuelo de Luis Vélez de Guevara. Deste xeito é como comezan a enredarse, ou máis ben a rifar, dúas tramas: a da tola obra de Vélez, tratada con moito respecto e algunha liberdade, e a dunha compañía sempre a punto de fracasar, ao xeito pallaso, na súa teima por levala a escena. Idade recomendada a partir de doce anos e unha duración de 100 min.
Venres 10 de marzo ás 20.30 estará no Auditorio Municipal Gustavo Freire a obra Maestrissimo de Yllana. Sinopse: Maestrissimo é un espectáculo «allegro e molto vivace» a metade de camiño entre o concerto de cámara, a comedia satírica e o retrato de época, no que se mostran, ao máis puro estilo Yllana, as aventuras e desventuras dun cuarteto de cordas nun período indeterminado entre os séculos XVII e XVIII (Barroco e Neoclasicismo). Un músico de recheo, un segundón sen apelidos pero cun talento descomunal, intentará progresar no escalafón e acadar o título de maestrissimo. Serán o seu talento e a súa xenialidade suficientes como para facerse un oco nun mundo tan xerarquizado? Conseguirá o prestixio que por dereito merece? Na mesma liña que Pagagnini, pero cunha entidade propia, Maestrissimo deleitará aos espectadores cunha coidadísima estética e uns personaxes divertidísimos, abordando temas como a ética, a creación, a orixinalidade e o valor da arte na sociedade, ao mesmo tempo que repasa momentos cumio da música clásica. Recomendada para todos os públicos ten unha duración de 80 min.
Sábado 11 de marzo ás 20.30 no Auditorio Municipal Gustavo Freire estará Vive Molière de Ay teatro. Sinopse: No ceo, a deusa Fama anuncia a súa intención de casar cun xenio do teatro. Os seus criados Dato, Mito e Chisme lévana a París para coñecer a un tal Molière e seguir a súa azarosa vida e hilarantes obras. Unha historia de amores, desamores, celos, encontros, desencontros, duelos, danzas, cancións… e unha selección das escenas máis divertidas, irónicas, sarcásticas e escandalosas do xenio da comedia. Vive Molière é un canto ao dramaturgo cómico máis importante da modernidade. Unha homenaxe, unha indagación e, sobre todo, unha celebración do seu despregamento de personaxes, situacións e escenas memorables, cunha ampla gama de rexistros que pasan da farsa burlesca á ironía sutil e incluso a amargura.
Desde as preciosas ridículas ata o enfermo imaxinario, desde Tartufo ao Don Xoán, desde a escola de mulleres a o misántropo, propoñemos unha selección esmendrellante das grandes escenas das súas mellores pezas dramáticas, co fío condutor da súa propia vida. Foi Molière un cómico sarcástico en loita temeraria cos costumes da súa época? Foi un “home de Corte” acomodaticio que puxo en marcha todos os fíos da súa influencia para amasar fortunas na contorna versallesca? Foi un xenio ao servizo do poder ou un perigoso corrosivo social? Ay Teatro presenta unha visión delirante, desenfadada e iconoclasta do gran comediógrafo, do seu ámbito teatral e do seu século. Un elenco moi novo con música en directo ao servizo do xenio incomparable de Molière. Recomendado a partir de 16 anos cunha duración de 90 min.
Domingo 12 de marzo ás 12.30 estará na praza da Mosqueira a obra Justina y Jacinta de Teatro del Cuervo. Sinopse: Justina y Jacinta forman unha “ñaque” (Compañía ambulante de teatro que estaba composta por dúas cómicas ou cómicos) e percorren todas as rutas, camiños, vías, calzadas, estradas, travesías, pistas, sendas, vereas, rúas, avenidas, bulevares, rondas, paseos… Contando as historias que levan no seu pequeno carro. Desde as que escribiron os grandes clásicos, ata as máis populares. Bebemos dos clásicos como Cervantes, Lope, Calderón e autoras non tan coñecidas do século de ouro español Cristobalina Fernández de Alarcón, Sor Juana Inés de la Cruz, María de Zayas, Ana Caro e Catalina de Erauso. Recomendada para todos os públicos cunha duración de 50 min.
Venres 17 de marzo ás 20.30 no Auditorio Municipal Gustavo Freire estará a obra El animal de Hungría de EscénaTe. Sinopse: Nos montes de Hungría vive un monstro que ten asolada unha aldea. Unha mañá, un fidalgo (Lauro) dálle caza e descobre que o monstro é a fermosa raíña Teodosia, primeira esposa do rei Primislao. Vítima das intrigas de Faustina, a súa propia irmá, foi condenada a morrer entre as feras pero Teodosia logrou sobrevivir agochada nunha cova. Mentres tanto, Faustina usurpou o seu trono e está a piques de parir un herdeiro.
Esa mesma mañá, os reis exploran ese monte para cazar un xabarín. Os aldeáns aproveitan a ocasión e suplícanlle ao rei que mate á besta que os atemoriza. Faustina afástase a un lugar seguro e, presa do medo, precipítase o parto dunha nena. Despois, atópase de fronte co monstro e sofre un desmaio. Teodosia, que recoñece a súa irmá, decide roubar a nena e criala na serra como filla súa baixo o nome de Rosaura. Esa mesma mañá, uns mariñeiros españois abandonan a un nobre infante nas costas de Hungría. Trátase de Felipe, neto do conde de Barcelona, ao que o seu cruel avó apartou da súa nai. Vinte anos despois, Rosaura e Felipe namoran no monte. A trama complícase cando Felipe mata a un labrego que quere cazar a Rosaura. Felipe e Rosaura son atrapados e levados á Corte para que o rei Primislao imparta xustiza. Aí descóbrese a identidade e nobreza dos mozos, desenmascáranse as intrigas de Faustina e Teodosia, e finalmente, recuperan honra e reino. Recomendada a partir de 12 anos cunha duración de 90 min.
Sábado 18 de marzo ás 20.30 no Auditorio Municipal Gustavo Freire estará Antígona 3 x 3,5 de Companhia do Chapitô. Sinopse: Canto sangue colle nun cadrado? Esta nova creación colectiva da Companhia do Chapitô, a 38ª do seu repertorio, segue explorando o estilo da absoluta comedia visual e física que convida á imaxinación do público. O argumento é sinxelo, Morre Edipo, os seus dous fillos, Eteocles e Polinices, loitan entre si polo trono de Tebas e morren. Creonte (agora rei) decreta que Eteocles sexa enterrado con todos os honores e Polinices quede á intemperie para que o seu cadáver sexa pasto dos carroñeiros. Antígona rebélase ante este decreto e resulta condenada a morte por pedra (atención a este detalle). Hemón, fillo de Creonte, suicídase e Antígona ao final tamén morre. Un baño de sangue familiar que provocará bágoas - de risa- ao público. Ao estilo inconfundible da Companhia do Chapitô: (in)adaptando clásicos. Destruíndo, transformando e reciclando traxedias, utilizando a comedia para cuestionar todos os aspectos da realidade física e social con tres intérpretes que o son todo na escena. Recomendado para maiores de 13 cunha duración de 60 min.
Domingo 19 de marzo ás 18.30 no Auditorio Municipal Gustavo Freire estará Os contos de William Shakespeare de Pedras de Cartón. Sinopse: Os contos de William Shakespeare é o novo espectáculo de Pedras de Cartón, despois do Premio Barroco Infantil de “Quixote”, no Festival Internacional de Teatro Clásico de Almagro. Un espectáculo que mestura a comedia, o teatro de obxectos e a narración oral. Unha proposta de pequeno formato para ver de preto. A peza fai un percorrido polas obras máis coñecidas do dramaturgo inglés, adaptadas para toda a familia e cunha linguaxe máis próxima. Deste xeito, afrontamos tres das pezas máis recoñecidas do autor: “Romeo e Xulieta”contada con teatro de obxectos, “Otelo” convertindo as personaxes da obra nunhas chamativas e coloridas letras e “Hamlet”, contado en clave de comedia a partir dun peculiar xogo de cartas no que ninguén pode gañar. Recomendada a partir de 4 anos cunha duración de 40min
Xoves 23 de marzo ás 20.30 no Auditorio Municipal Gustavo Freire estará a obra Iphixenia na porta do Súper de Compañía Humana. Sinopse: Iphixenia na porta do súper é unha revisión contemporánea do mito clásico de Eurípides. Unha brillante versión premiada como mellor texto do 2015 nos UK Theatre Awards for Best New Play. Estreada xa en varios países cun éxito rotundo, a súa adaptación ao español consagrou á actriz María Hervás conseguindo o premio Max á Mellor Actriz Protagonista, Mellor Espectáculo Revelación e Mellor Versión Teatral. Agora chega por primeira vez a Galicia e en galego este emocionante e necesario monólogo. Un monólogo actual que fala das consecuencias dos recortes sociais a través da vida da súa protagonista de clase baixa. Unha personalidade magnética, directa, que nos amosa sen filtros e con humor a humanidade que se esconde tralas colas na atención primaria, recorte de camas hospitalarias, ausencia de médicos.. Recomendada para maiores de 12 anos cunha duración de 75 min.
Venres 24 de marzo ás 20.30 no Auditorio Municipal Gustavo Freire estará I love Catalina de Hilo Producciones. Sinopse: Tomemos A fera domada, de Shakespeare. Poñamos a catro actores sobre o escenario e fagámolos dicir, cantar, bailar, desdobrarse, multiplicarse, suar, suar, suar…O resultado será “I love Catalina”, unha adaptación moderna e gamberra dunha das comedias máis salvaxes do gran dramaturgo inglés. Unha contenda entre as convencións e o papel da muller: un auténtico choque de trens que porá a proba os nervios de todos, incluso do público que os observa, do cal é posible que nalgúns momentos se precise unha colaboración activa. O resultado final será unha doma, si, pero quizais non a prevista… Recomendada a partir de 12 anos cunha duración de 75 min.
Sábado 25 de marzo ás 20.30 no Auditorio Municipal Gustavo Freire estará a obra Menina. Soy una puta obra de Velázquez de Cia. Proyecto Cultura. Sinopse: MENINA é a historia dunha, de moitas, de todas. De pequena os seus compañeiros da clase xa comezaron a chamarlle foca, balea... Xa sabes, cousas de nenos, non? Ao chegar ao instituto atopou o seu sitio, a gorda do grupo. Durante unha excursión ao Museo de El Prado adquiriu novos superlativos e calificativos. De entre todos, ela quedouse co de Menina. Pois claro que si –díxose a si mesma-, son unha PUTA obra de Velázquez. Así que postos a comer e engordar, cos anos ela propúxose comer o mundo e engordar o seu ego enriba dun escenario. Unha coprodución de Proyecto Cultura e o Festival de Teatro Clásico de Cáceres, recomendada pola Red Española de Teatros, coa que se abordan os temas do acoso, a gordofobia e a diversidade dos corpos. Recomendada a partir de 14 anos cunha duración de 55 min.
Domingo 26 de marzo ás 12.30 na Praza da Mosqueira e con entrada libre estará Carreta y manta de Cia. Sinfin. Sinopse: Carreta y Manta son unha compañía de cómicos da legua. Máis ben o que queda da mesma. Acompañados de Apañao, un técnico para todo da época. Percorren vilas e aldeas para entreter á concorrencia e arañar unhas moedas coas que enganar as súas tripas. Hoxe toca representar “La Burla del Pozo”, pero a praza está ocupada por un bululú cantarín que non quere marchar. Tamén anda por alí Mostaza, unha moza buscavidas e afloxabolsas á que persegue un corchete para levala ao calabozo. Entre todos desfanse da xustiza botando ao corchete ao pozo, feito este que lles fai unirse para aumentar a compañía e levar a termo entre todos a representación que querían facer desde o primeiro momento. Recomendada para maiores de seis anos e cunha duración de 60 min.
Domingo 26 de marzo ás 18.30 no Auditorio Municipal Gustavo Freire a obra Elektra.25 de Atalaya. Sinopse: Atalaya leva 25 anos adaptando grandes textos do teatro clásico universal sen perder a súa recoñecida linguaxe contemporánea que comezou hai case catro décadas. Por iso en Elektra.25 queremos conmemorar dita cifra, que coincide cos 25 anos desde a morte do noso referente do teatro máis rompedor Heiner Müller- e os 25 séculos do nacemento de un dos tres pais da Traxedia Grega, Eurípides-. Elektra.25 que é o 25º espectáculo de Atalaya, posúe unha forte carga emotiva debido a que o seu leit motiv esencial perdurou a través dos tempos: a vinganza, que foi e segue sendo a orixe de moitos conflitos ao longo da historia da humanidade. O obxectivo ao abordar este mito é xerar no público un interrogante arredor da vinganza e ao tempo transmitirlle ao espectador emocións alleas ás cotiás; non se trata de contar a historia de Elektra nin de que o espectador se identifique con algún personaxe, senón de provocar no público a catarse que promova sensacións que non pode experimentar en ningún outro lugar ou evento da vida cotiá.
O coro é quen marca, durante a práctica totalidade da obra, o ritmo e o ton emocional. Neste sentido os cánticos étnicos e as coreografías adquiren unha potencia por riba dos propios personaxes. A interpretación coral é santo e seña moi recoñecible na linguaxe de Atalaya que neste caso proxecta unha forte carga emocional debido ás músicas populares elixidas. Por último destaca a potencia da escenografía así coma a incorporación de fogo e auga que multiplican a ritualidade da montaxe. Recomendada a partir de 16 anos cunha duración de 75 min.