Lugo acolle a XXV Concentración de Seat 600 na praza de Augas Férreas

A praza de Augas Férreas de Lugo será o escenario o vindeiro sábado 28 da XXV Concentración de Seat 600, organizada polo Club 600 Lugo.
O concelleiro de Infraestruturas Urbanas, Alexandre Penas, destacou esta cita como “unha data consolidada no calendario lucense, que este ano celebra a súa 25 edición”, e salientou que “o sábado 28, Lugo será a capital do Seat 600, e a veciñanza poderá ver unha enorme colección de vehículos nun moi bo estado de conservación”.
Durante a xornada, as veciñas e veciños que se acheguen á praza poderán contemplar preto de medio cento de Seat 600 nas súas diferentes edicións, todos nun excelente estado de mantemento, permitindo “desfrutar do vehículo máis relevante do século XX”, explicou Penas. O concelleiro engadiu que celebrar esta cita tamén permite “achegar actividades a todas as zonas da cidade para que cada un dos barrios e áreas periurbanas poidan disfrutar de entretemento nas súas rúas”.
Penas subliñou que as áreas da Tenencia de Alcaldía do Concello “apoiamos as diversas propostas que nos fai chegar o tecido asociativo da cidade” e destacou que “seguiremos tendo as portas abertas para colaborar coas asociacións de Lugo en dar visibilidade aos seus proxectos”.