Lugo acolle as XIII Xornadas de Avogados e Avogadas contra a Violencia de Xénero

As XIII Xornadas de Avogados e Avogadas contra a Violencia de Xénero, organizadas polo Consello Xeral da Avogacía Española, desenvolveranse na Delegación Territorial da Xunta en Lugo este xoves 23 e o venres 24 de outubro.
O encontro reunirá a maxistrados, xuíces, fiscais e letrados de distintos Colexios da Avogacía de España expertos na materia, para compartir experiencias, analizar os avances normativos e organizativos e expoñer os desafíos na atención ás vítimas.
As actividades comezan mañá, mércores 22, coa recepción de participantes ás 19.00 horas no Círculo das Artes. E o xoves 23 terá lugar a inauguración ás 9.30 horas. A primeira mesa, moderada por Félix Mondelo, abordará os principais retos na defensa das vítimas de violencia de xénero. Intervirá a fiscal delegada desta área na Fiscalía Superior de Galicia María Elena Steinger Doallo. A violencia económica centrará a seguinte ponencia, a cargo da maxistrada do Tribunal Superior de Xustiza de Castela e León Isabel Durán. O moderador será o presidente da Subcomisión de Violencia sobre as Mulleres do Consello Xeral da Avogacía, Fernando Rodríguez Santocildes.
Pola tarde analizaranse aspectos relativos á violencia sobre as mulleres na lei orgánica 1/2025, que introduce medidas de eficiencia no servizo público de xustiza. Participarán a maxistrada titular do Xulgado de Violencia sobre a Muller de Jaén, Isabel Moreno; e o avogado Francisco Javier Pérez. A avogada Concepción Ortega, vocal da Subcomisión de Violencia sobre as Mulleres do Consello Xeral da Avogacía, será a moderadora.
A última mesa do xoves estará dedicada á comarcalización dos xulgados e os seus efectos na asistencia letrada. Participarán as avogadas Raquel Marco, Catalina Alcázar, María Francisca Domínguez e Patricia López – esta última como moderadora -, todas elas vogais da Subcomisión de Violencia sobre as Mulleres do Consello Xeral da Avogacía; e a xuíza do Tribunal de Instancia nº 1 de Verín María iglesias.
A sesión do venres comezará cun relatorio sobre asistencia letrada a vítimas de delito sexual, coa participación das avogadas María Martín e Carmen Sala. A continuación abordarase a realidade dos menores vítimas de violencia, considerados como “vítimas invisibles”. Intervirán os avogados Ramiro Guinea e Sonsoles Prieto, ambos membros da mencionada Subcomisión. Os avogados e avogadas participantes forman parte dos Colexios da Avogacía de Lugo, Santiago de Compostela, Pontevedra, León, Córdoba, Valencia, Alicante, Cáceres, Oviedo, Sabadell, Huelva, Salamanca e Lorca. A maioría son membros da Subcomisión de Violencia sobre as Mulleres do Consello Xeral da Avogacía.
O delegado territorial do Goberno galego, Javier Arias, e o decano do Colexio da Avogacía de Lugo, Félix Mondelo, participaron na presentación do programa, que se desenvolve baixo o lema Compromiso, formación e cercanía na defensa das vítimas.
Arias enmarcou estas xornadas “no traballo conxunto entre as Administracións e os axentes sociais para seguir avanzando nunha sociedade máis xusta e igualitaria”.
Resaltou que “a loita contra a violencia de xénero é unha prioridade para a Xunta” e referiuse a algunhas das principais medidas adoptadas para avanzar neste ámbito, entre elas “as prestacións económicas para as vítimas; os recursos específicos de asesoramento e atención integral e agora estanse a dar tamén os primeiros pasos para aprobar a Lei contra a violencia e o acoso dixital, pioneira en España”, apuntou.